Os impresionantes Castelos de Exin invaden as Torres do Allo

Lolo Muíño diante da imponente Catedral de Exin Castillos

Fermosa exposición a que acollen dende onte as Torres do Allo. "Galicia con Exín Castillos" chega organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña, sorprendeu ata o mesmo alcalde, Lolo Muíño, que quedou impresionado pola calidade das maquetas da mostra que fan un completo percorrido a través dalgúns dos edificios máis senlleiros do Patrimonio cultural de Galicia, construídos coas pezas do popular xogo da década de 1980. /p>

Trátase dun total de 14 réplicas de diferentes monumentos históricos; o denominado “Castelo fantasía”, que o seu creador, Fran Guerra comezou a construír cando era un neno e finalmente tres castelos do xoguete orixinal de Exin. Os artífices deste singular traballo son os membros de “Exin Castillos & West”, unha asociación creada en 2015 en torno ao denominador común da paixón polo xoguete da infancia que permitía non só crear castelos senón tamén pobos do “Far West” e todo o que permitise a imaxinación.
Aínda en pleno proceso de elaboración, atópanse as maquetas da catedral de Tui e das propias Torres do Allo, que se incorporarán proximamente á exposición.

Entre os elementos más destacados de "Galicia con Exin Castillos" están o faro de Fisterra, a Torre de Hércules (A Coruña), a igrexa de Santa María de Cambre (Cambre – A Coruña), o Pazo de Meirás (Sada – A Coruña), o monumento aos Mártires de Carral (Carral – A Coruña) e o Torreón dos Andrade (Pontedeume – A Coruña).

Porén, a peza máis espectacular é a maqueta da catedral de Santiago de 2,5 metros de altura, realizada con arredor de 30.000 pezas, que se exhibe no segundo andar da “Torre Viexa”.

Durante a visita, os nenos e nenas teñen á súa disposición un conxunto de pistas que deberán seguir para atopar diferentes elementos nos castelos.

"Galicia con Exin Castillos" poderá visitarse de balde todos os sábados, domingos e festivos en horario de apertura do Pazo, de 11:00 h a 19:00 h. Durante a Semana Santa este horario ampliarase ata ás 20h e as Torres do Allo abrirán todos os días entre o 9 e 17 de abril.