Lolo Muíño (BNG Zas): "O Concello debe colaborar na promoción das empresas instaladas no noso municipio"

  •  Que valoración fas desta lexislatura?

Esta lexislatura estivo marcada pola grave crise sanitaria provocada pola COVID-19, que obrigou a reorganizar as prioridades e a adaptar os recursos para facer fronte ás necesidades que se presentaron durante a pandemia. Aínda con este panorama, durante o último mandato fomos quen de sacar adiante dous proxectos fundamentais para Zas: o tanatorio municipal e a praza Jorge Mira Pérez. Cremos que non é habitual que un concello pequeno coma o noso saque adiante proxectos de grande envergadura coma estes nun mesmo mandato e que realice investimentos por máis de cinco millóns de euros cos seus propios fondos. 

 

  • Que cousas fundamentais quedaron por facer?

Como dixemos, a crise provocada pola Covid fixo que cambiasen as nosas prioridades e a isto hai que sumarlle a suba dos custos que padecemos todos e todas e que tamén nos obrigou a reorganizar moitos dos proxectos que tiñamos enriba da mesa. A climatoloxía tamén tivo un papel fundamental nos últimos meses e non permitiu que se executuran moitos traballos de mellora nas estradas de titularidade municipal que xa están adxudicadas dende hai tempo. 

 

  • O Concello, a empresa máis grande de Zas, non? Ata asumides proxectos como o de Baio ten a pelota…

O Concello é unha das “empresas” que máis traballos xera. E dino os datos. Por exemplo, actualmente o Concello de Zas conta cun equipo de 34 auxiliares de axuda no fogar. Outro dato relevante é que no último mandato realizáronse investimentos por máis de 5 millóns de euros o que axudou a conservar e a crear unha gran cantidade de postos de traballo. E ademais, cremos que debemos colaborar na promoción das empresas instaladas no noso municipio, porque elas tamén xogan un papel moi importante na nosa economía. E este foi o motivo polo que asumimos a organización da última edición da campaña “Baio ten a pelota”; un evento de grande importancia para o tecido empresarial do noso municipio.  

 

  • Cal é o voso proxecto para o Concello?

O noso proxecto é que Zas sexa aínda mellor que hai 16 anos, momento no que asumimos a alcaldía. O noso compromiso é seguir gobernando como o fixemos ata agora: mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza, transformando o noso territorio, ofrecendo cada vez máis e mellores servizos e que o noso concello goce dunha economía saneada cos fondos suficientes para sacar adiante os diferentes proxectos. 

 

  • Que lle falta a Zas?

Ao igual que os demais concellos da nosa comarca, Zas ten que seguir loitando contra a perda de poboación. E nós farémolo poñendo en marcha o Parque Científico e Tecnolóxico que desenvolveremos, coa colaboración da Universidade da Coruña, na área empresarial de Lamas. Sen dúbida este é un proxecto empresarial pioneiro e innovador na nosa comarca; dos que só existen 2 na nosa comunidade e 51 en todo o estado. Con este proxecto conseguiremos que as empresas e a universidade se acheguen ao noso municipio para xerar emprego de calidade e fixar poboación. Unha vez máis, este é un proxecto que realizaremos cos propios fondos municipais, sen necesidade de recurrir a ningún crédito.

 

  • Cales son as novidades e os puntos fortes da vosa candidatura?

Temos unha candidatura formada por un equipo de persoas comprometidas co noso concello e orgullosas das nosas parroquias e das nosas xentes. Unha candidatura con xente con experiencia que sabe gobernar con honradez e honestidade. E unha candidatura con novas incorporacións que traen ideas renovadas. Pero, sen dúbida, o punto máis forte da nosa candidatura é que somos un equipo cheo forza, de ilusión e de proxectos para que Zas siga avanzando como o fixo nestes últimos 16 anos.