Manuel Mourelle volve e salva a Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira
O que xa fora presidente da entidade entre 2008 e 2015, volveu para salvar unha entidade que levaba máis de dous anos en funcións. A Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira conta cunha nova directiva encabezada por Manuel Mourelle Amado, de Mármoles Mourelle.
A anterior presidenta, Tatiana Rellán, estivo á fronte da Asociación durante 8 anos de mandato e dous anos e medio como entidade xestora, período no que se garantiu a continuidade legal e administrativa da entidade, evitando a súa disolución mentres non se presentaba unha nova candidatura.
Durante este tempo, a xestora solicitou en reiteradas ocasións a aparición dunha nova directiva, co obxectivo de preservar o patrimonio común e evitar que o local social tivese que ser cedido ao Concello de Zas. Non foi ata que se convocou unha reunión para iniciar ese proceso cando, quince días despois, apareceu un grupo disposto a asumir o relevo.
“Por fin apareceu un grupo disposto a continuar o proxecto, e iso é positivo. Despois de tanto tempo pedindo, por favor, que alguén dera o paso, é unha boa noticia ver que a Asociación continúa viva. Á directiva en funcións como entidade xestora quítanos un peso de enriba, porque o traballo está feito e a entidade queda en boas mans”, declarou Rellán. “Esta Asociación é o resultado do traballo de moita xente. Agora queda nas mans dun equipo que a coñece, e iso é unha garantía de estabilidade e continuidade”, concluíu.
A Asociación entrégase á nova directiva coa documentación ao día e unha situación patrimonial definida e transparente.