O xogo do "Escape Room" arrasa nas Torres do Allo

Este domingo, ás 19:00 horas, arrancan as visitas teatralizadas nas Torres do Allo Ainda non arrancou e xa é todo un éxito. A nova actividade deseñada pola concellería de Cultura de Zas para visitar e coñecer a historia do pazo máis antigo de Galicia a través dun "Escape Room" está superando tódalas expectativas. Dende o seu anuncio a través das redes sociais son máis de setenta e cinco as persoas que reservaron praza para visitar as Torres en menos dunha semana. Un "escape room" é un xogo de escapismo onde un grupo de persoas teñen un tempo limitado para conseguir saír da estancia onde están encerrados. A través dunha historia que fía a narración, o equipo ten que ir resolvendo puzzles, abrindo cadeados, e utilizando obxectos especiais para conseguir escapar no menor tempo posible. Unha actividade diferente para persoas que busquen unha experiencia activa, esixente e divertida. As Torres do Allo convértense nun gran taboleiro de xogo onde un grupo de entre 2 e 10 persoas ten 90 minutos para resolver o misterio e poder volver ás súas casas. O primeiro "Pazo Escape" do mundo ponse en marcha este verán no concello de Zas. A actividade é completamente gratuíta e pódese realizar de luns a domingo ás 11:30 ou ás 16:30 baixo reserva previa (info@torresdoallo.gal). Visitas teatralizadas Por outra parte, este domingo arrancan as visitas teatralizadas nas Torres do Allo. Un ano máis, Os Quinquilláns serán os encargados de darlle vida aos antigos moradores do pazo máis antigo de Galicia. Será todos os domingos de xullo e agosto ás 19:00 horas. Esta é unha actividade gratuita.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Torres do Allo