Un obradoiro de chan pélvico e xornadas nos centros de ensino no programa do 8M de Zas
Este pasado luns arrincaba Programa de Actividades deseñado polo Concello de Zas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo. Facíao cun interesante faladoiro sobre a saúde mental e xénero co alumnado da ESO do IES Maximino Romero Lema de Baio.
O programa continúa, ollando en fite aos centros de ensino co fin de sensibilizar á rapazada e fomentar a igualdade de xénero entre os máis novos.
“Con-Ciencia de Muller” é o nome da actividade que realizaremos o 6 de marzo no CEIP Labarta Pose (en dúas quendas: as 09:30 e as 11:25 horas) e ao CPI de Zas (14:25 horas). Nela participarán o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
Eses mesmo día, realizarán co alumnado da ESO do CPI de Zas un obradoiro de camisetas personalizadas baixo o título “Creatividade e Igualdade”. Será a partir das 09:20 horas. Ao día seguinte as 10:45 horas, levaremos esta mesma actividade ao IES Maximino Romero Lema na que tamén participará o alumnado da ESO.
Chan pélvico
Tamén o 7 de marzo, realizaremos no Auditorio do Concello un taller sobre o chan pélvico feminino que impartirá Sabela Maseda, da Clínica de Fisioterapia Vértebra. Será a partir das 18:00 horas e nel poderán participar de forma totalmente gratuita todas aquelas mulleres que o desexen independentemente da súa idade. Este é un obradoiro de autocoñecemento e no que darán algúns consellos para mellorar o chan pélvico e previr patoloxías relacionadas co mesmo.