O Pazo Torres do Allo celebra o Entroido cun obradoiro creativo inspirado na fauna galega

En paralelo ao programa de Entroido Municipal, o histórico Pazo Torres do Allo prepárase para recibir o Entroido dun xeito orixinal e educativo.
O vindeiro domingo 15 de febreiro, a partir das 16:00 h, o pazo máis antigo de Galicia acollerá un obradoiro de manualidades dirixido aos máis pequenos, organizado polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación da Coruña.

Nesta edición, a temática do obradoiro une a tradición do Entroido coa ciencia e a historia do pazo. Os participantes elaborarán xoguetes inspirados na “Vipera berus seoanei”, unha homenaxe directa a Víctor López Seoane, quen foi inquilino das Torres do Allo e o naturalista máis sobranceiro da Galicia de finais do século XIX.

Unha xornada de creatividade e historia

O obradoiro dividirase en dúas fases:

  • 1. Creación individual: Nenas e nenos fabricarán a súa propia víbora de papel e cartolina para levar a casa ou usar como complemento dos seus disfraces.
  • 2. Creación colectiva: Realizarase unha víbora de grandes dimensións que quedará exposta no pazo para decorar as estancias durante as festas.

Ademais do obradoiro, os visitantes que o desexen poderán gozar da exposición temporal “Riobóo, a saga do Allo”, as visitas guiadas das 13:00 h e 17:00 h, e o popular xogo de pistas “O legado de Francisca”, deseñado especificamente para o público familiar.

Aínda que todas as actividades son de balde, as prazas son limitadas. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente facilitando os datos do participante (nome, idade e contacto) a través das seguintes vías:
• Centros Socioculturais: Zas (981 751 398) ou Baio (981 718 056).
• Correo electrónico: info@torresdoallo.gal.
• Máis información: 655 71 67 43 ou en www.torresdoallo.gal.