O pleno de Zas acordou solicitar a recuperación do Servizo de Pediatría e aprobou unha declaración de emerxencia climática

Pleno de setembro no Concello de Zas
  • A praza de Baio xa ten orzamento pero as obras non comezarán ata 2020

Esta mañá de xoves houbo pleno no Concello de Zas. Un dos puntos principais era unha moción urxente para sacar adiante o orzamento do proxecto de urbanización da futura praza de Baio. Un proxecto aprobado por unanimidade, que implicará un investimento 384.236,20 euros; dos cales algo máis do 75% (283.139,09€) serán financiados pola Deputación da Coruña e os restantes 101.097,11€ asumiraos o Concello de Zas.
En todo caso, as obras non comezarán ata o vindeiro ano porque aínda teñen que comezar as distintas fases administrativas.

Sanidade

A corporación acordou enviar a todos os concellos da Costa da Morte unha moción de apoio ao servizo de pediatría de Zas, como comprobaron varios representantes da plataforma “Zas Sen Recortes en Pediatría”, que asistiron á sesión de hoxe despois de que o pasado 2 de setembro presentaran un escrito solicitando a celebración dun pleno extraordinario urxente e o apoio de toda a corporación municipal.

Solicitan así ao Sergas que restableza o horario do servizo de pediatría nos dous centros de saúde do Concello de Zas e que se retomen as 35 horas de servizo semanais.
Solicitan tamén que o Sergas cubra todas as baixas/ausencias do facultativo, ao mesmo tempo que acordan enviar a todos os concellos da Costa da Morte unha moción de apoio ao servizo de pediatría de Zas.

A Lei “Montoro”

Volveu o alcalde zaseiro criticar a chamada Lei Montoro de control de gasto, “que o PSOE non cambiou”. “É difícil de entender que non poidamos facer máis investimentos malia contarmos con máis de 5 millóns de euros nas contas bancarias - que non podemos gastar - e un orzamento superior aos 4 millóns de euros”, puntualizou Manuel Muíño.

O Concello ten agora que facer un plan económico financeiro porque gastaron 65.000 euros máis do que lles deixa o Goberno central.

Festivos locais

Na orde do día de hoxe tamén figuraban os festivos locais para o 2020. A proposta presentada polo equipo de goberno do BNG e que saiu adiante foi declarar como festivos locais para o próximo ano o 10 de xullo - coincidindo coa festividade de San Cristovo - e o 16 de xullo - día do Carmen -. A proposta variouse con respecto aos últimos anos xa que o 26 de xullo, día da Santa Margarida de Muíño, coincide no 2020 en domingo e a festividade de San Roque do Monte, outro dos días elixidos, celébrase dende hai anos o cuarto sábado do mes de agosto. En consecuencia, elixiuse o 10 de xullo como día non laborable.

 

Declaración emerxencia climática

Outra das mocións presentadas polo equipo de goberno e que se aprobou esta mañá foi a adhesión á declaración de emerxencia climática co fin de loitar contra a contaminación e o cambio climático así como o apoio á mobilización mundial convocada para o vindeiro 27 de setembro.