A romaría de San Ramón das Torres do Allo recupera as súas merendas

O vindeiro 31 de agosto volve a romaría de San Ramón ás Torres do Allo; un evento que conta con máis de catro séculos de historia e que o Concello de Zas recuperou hai uns anos. A meirande novidade deste ano é a volta das merendas de campo que se facían tradicionalmente polo que cada visitante pode traer a súa propia comida e desfrutala na contorna das Torres do Allo. Tamén haberá un posto de pulpeira e outro de rosquillas.

Entre as 10:00 e as 15:00 horas do 31 de agosto instalaranse varios postos de artesanía da zona; nos que atoparemos traballos realizados co liño, encaixe, cestos, xabróns, xoias, complementos,…

Ademais ao longo da mañá realizaranse pequenos obradoiros de cestería, liño, encaixe e barro para que toda aquela persoa que visite o mercado e o desexe poda afondar sobre estes oficios tradicionais. Estes obradoiros están dirixidos a todas as idades e para realizar algún deles recoméndase inscribirse previamente a través dos números de teléfono 981 75 13 98 ou 981 71 80 56. A participación é de balde.

Non faltará a música. Ás 13:30 horas “Arredores” ofreceranos un concerto en acústico. Este é un grupo musical creado en 2019 e que triunfa aló por onde vai coa súa música tradicional.