As Torres do Allo presentan un programa para reafirmarse como referencia cultural no 2023

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín e a Concelleira Patrimonio, Natalia Espasandín Pazos, presentaron a programación de actividades das Torres do Allo.

Converter ás Torres do Allo nun referente cultural na Costa da Morte á través dunha programación que ano tras ano aposta pola calidade e a diversidade da súa oferta. Ese é o obxectivo do Concello de Zas e a Deputación de cara a este 2023.

Semana Santa

A primeira cita será coa chegada inminente da Semana Santa, cando o pazo ampliará os seus horarios abrindo de maneira continuada entre os días 1 e 9 e abril en horario de 11 a 20h. Todas aquelas persoas que desexen afondar un pouco máis na apaixonante historia das Torres terán a posibilidade de participar nunha das visitas guiadas diarias que se farán ás 13 e ás 17h e os máis cativos contan coa opción do Xogo de Pistas “A aventura do Allo”.

Exposicións e actividades infantís todo o ano

En maio inaugurarase unha nova exposición temporal titulada “Terra de pazos”, na que se fará un percorrido polos principais pazos do concello de Zas e a singular arquitectura fidalga da Costa da Morte.

Ao longo do ano terán especial importancia as actividades orientadas a nenos e nenas entre as que destacan os obradoiros especiais temáticos. O primeiro deles terá lugar o 22 de abril para conmemorar o día mundial da Terra.
Posteriormente, o 13 de maio farase un taller para conmemorar o día das letras galegas, dedicado este ano ao  intelectual Francisco Fernández del Riego.
O programa continúa co tradicional obradoiro de San Xoán o 23 de xuño e rematarase o ano con dous talleres de nadal o 16 e 17 de decembro.

Un verán cheo de vida

De cara ao verán, o pazo será tomado pola cativada que participará no campamento “Zas no verán 2023” e a música seguirá sendo un dos principais atractivos das Torres co dúo Tania Caamaño e Andrés Boutureira, que actuarán o 19 de xullo pola tarde. O programa “Contos nas Torres” dedicado á narración oral traerá a dous artistas de primeiro nivel: María da Pontragha o 19 de agosto e a Caxoto o 25 de agosto.

Durante os domingos de xullo e agosto realizaranse as populares visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns, que mostrarán os secretos e a historia do pazo a través das figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona e primeira propietaria muller das Torres, Francisca Rioboo.

Volverá tamén o popular “Escape Room do Allo”, este ano mudando narrativa e con novos retos orientado ao público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de escapismo estará dispoñible baixo reserva nos meses de xullo, agosto e setembro.

Romaría

O 31 de agosto festexarase a tradicional Romaría de San Ramón que este ano ampliará a súa oferta de actividadees. Comezará co Mercado de Artesanía Tradicional pola mañá, continuará coa actuación musical do trío “Ailá” na sesión vermú, despois unha comida campestre no contorno das Torres e pola tarde actividades para nenos e nenas da man de Paco Nogueira e o seu espectáculo C@nto Contigo!

Outono

No outono, o 28 de outubro chegará o Samaín ao pazo cunha completa xornada na que se incluirá un obradoiro para nenos e nenas, magosto e música tradicional.

CARTEL ACTIVIDADES-Torres do Allo-2023