Transformando os espazos educativos en lugares de encontro para partillar experiencias dialóxicas

O alumnado do IES de Baio presneta a súa curta polo 25N co mestre Manolo Maseda

Este pasado luns 25 de novembro, moitas escolas da comarca celebraron diferentes actos e dinámicas arredor da Violencia de Xénero. Así aconteceu no vivo IES Maximino Romero de Lema, un centro que trabala transversal e diariamente a problemática pero que non esquece facer accións concretas no día D.

O venres foi a presentación do proxecto-disco “Ao Son Delas” a cargo do alumnado de Xestión Cultural e Artes Escénicas, un proxecto educativo arredor das mulleres músicas galegas como protagonistas, onde a lingua galega e a música son canle de “quilómetros de igualdade”. Grazas á colaboración de asociacións e organizacións da contorna, este disco poderá escoitarse nos buses escolares e comercios, contando ademais cunha vertente solidaria, pois a recadación do disco irá para unha acción solidaria de axuda ao tratamento médico dunha nena. Este proxecto xa gañou un premio educativo e seguirá a recoller máis entre a sociedade, como este sábado co éxito da foliada solidaria que se organizou no auditorio de Baio para seguir recadando fondos.


​Grupo O Son de Cabana cantou a Rozalen no IES de Baio

Este mesmo 25N comeza no centro cunha intervención arredor da letra e música da “Porta Violeta” de Rozalen a cargo do alumnado de Artes Escénicas, Xestión Cultural e Igualdade de Xénero. De aí a invitación ao grupo de vinte mulleres “Ao son de Cabana” que coordina Silvia Losada e que viñan de gravar un vídeo arredor desta canción. Foi un emotivo acto interxeracional, unindo esforzos contra as violencias cara ás mulleres. Así, celebraron no recreo, co visionado do vídeo e estas vinte grandes mulleres cantando en directo á vez que o alumnado pintaba unha porta do centro en violeta, como símbolo desas portas das que fala a canción, portas violetas cara á liberdade de moitas das mulleres que loitaron e loitan cada día contra a violencia machista.

Ao longo da mañá houbo varios obradoiros de lecturas coeducativas na biblioteca a cargo da librería de mulleres “Lila de Lilith” para alumnado diverso da ESO. Tamén alumnado de 2º de bacharelato fixo unha exposición para todo o alumnado arredor da figura de Margarita Salas, a grande científica que finou a semana pasada.

Para rematar o 25N o alumnado da materia Imaxen e Son presentou ao resto do alumnado a curtametraxe que realizaron titulada “Bágoas de Resío”, que pon o foco na violencia de xénero entre adolescentes e que será presentada a un certame de curtas. Despois de ver o traballo final, o alumnado expuxo o proceso de elaboración, desde o guión, partes máis técnicas, storyboard,... e responderon ás preguntas dos compañeiros.

As conmemoracións no rematan o luns no centro. O martes 26 a meirande o alumnado será público no auditorio de Baio da obra de teatro “Chola, A It Girl”, espectáculo teatral a cargo de ArtesaCía e que ten como protagonista a unha muller que traballa nun taller mecánico, unha mecánica.