Unha Semana Cultural de cine no IES de Baio

Esta pasada semana disfrutamos coa fantástica Semana do Libro do CEIP Santa Eulalia, en Dumbría. E hai 3 da Semana Cultural do IES Ponteceso. Hoxe imos ata Baio, onde precisamente comeza a Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema.

Este curso o cine será protagonista, pero tamén haberá música, teatro, poesía, pintura, futbolín, arqueoloxía, gastronomía… Un compendio que fará aprender aos alumnos dun xeito moito máis directo e dinámico que a base de libros.

A Semana, que durará estes 28, 29 e 30 de abril, arrincará cunha xornada de portas abertas e un xantar popular. O foguete sonoro desta novena edición correrá a cargo do radiofónico veciño Josiño Mira, que levará aos alumnos ao marabilloso mundo da radio e porá cara a unha voz moi coñecida por todas e todos nós. “Un nordés de anécdotas de toda unha vida nas ondas”.
A música e o futbolín tomarán o protagonismo da man de Xurxo Souto, que exercerá como mestre de cerimonias dunha partida brava de matraquiño para homenaxear ao seu inventor, Alexandre de Fisterra.
E falando de mestres, terán a fortuna de contar con Felipe Senén para namoralos da arqueoloxía. Teñen convidado ao alumnado do IES Marco do Camballón de As Cruces co cal están a elaborar un proxecto denominado “Palabras de Pedra”, e tamén haberá visita a Dombate e Borneiro da man de Manuel Gago. Dous fenómenos investigadores e mellores comunicadores.

A Sesión Matiné correrá a cargo este ano dunha das bandas de metais máis explosiva do planeta, “A Magnifique Banda dos Homes sen Medo”. Pura adrenalina para bailar e gastar pista antes do “II Xantar e Xuntar”, nos que a ANPA e o alumnado de 4o da ESO sorprenderán con un churrasco para 200 persoas. (Os cartos recadados do xantar, serán destinados a sufragar os gastos da excursión de fin de curso).

De cine

Este ano é o ano do cine no Centro baiés. E para abrir bocas estará o galardoado Óscar Aramburo. Haberá tempo para un coloquio con Nuria García, veciña e directora dunha das curtas máis agardadas do momento. Tamén realizarán cine con móbiles, coa colaboración do ex- alumno Víctor Mira e farán unha viaxe pola historia a través do cine con Víctor Vázquez. Rematarán con unha homenaxe cinematográfica ao Futbolín, proxectando unha película de animación dirixida por Juan José Campanella.
O teatro terá unha forte presenza un ano máis, posto que asistirán á escenificación de “Os caprichos do teatro” da man de Os Quinquilláns e a colleita propia do grupo do instituto, Carabullo Teatro -dirixido por Ricardo Vigueret- coa obra “TVKK”.

Haberá tamén un par de exposicións fixas. A primeira pretende ser un achegamento ao mundo do asociacionismo e ao activismo cultural, con diverso material do “Asalto ao Castelo” de Vimianzo.

A lingua é outro eixe vertebrador da semana. Un ano máis o alumnado seguirá viaxando á Lusofonía con un curso de portugués de iniciación.

Ademáis adentraranse na poesía e as rimas, conxugando as bases do hip-hop do alumno Alejandro coa arte poética de Ramón Blanco.

No último día está programada unha saída a Outeiro de Rei para visitar a casa museo de Manuel María. Unha viaxe perfecta para pechar unha Semana Cultural de cine.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (inf@quepasanacosta.gal).