Zas prende o Nadal en Brandomil

O Concello de Zas celebrará este sábado, 6 de decembro, unha das citas máis destacadas e emotivas do Nadal, co tradicional acendido das luces do Belén de Brandomil. O acto celebrarase a partir das 19:30 horas e contará cunha programación que inclúe o pregón do alcalde, Manuel Muíño, unha chocolatada popular e animación musical. 

Nos últimos anos, Brandomil consolidouse como un dos principais focos de visita durante estas datas, grazas ás coidadas decoracións realizadas pola propia veciñanza. O que comezou como unha iniciativa dun pequeno grupo de persoas foi medrando ata converterse nun proxecto colectivo no que participa toda a parroquia, creando un espazo único que cada ano atrae a máis visitantes.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, quixo agradecer o labor de todas as persoas implicadas na decoración e na montaxe do Belén. Tal e como destacou, “o Belén de Brandomil é un orgullo para o noso concello e unha mostra do compromiso da veciñanza. A ilusión e o traballo que se inviste cada ano na creación deste espazo único son un exemplo de unión e identidade”. 

Ademais, o rexedor salientou o valor social da celebración, explicando que “este acendido non é só unha actividade de Nadal, é unha festa comunitaria, un punto de encontro e unha mostra do mellor do noso municipio. Ver Brandomil cheo de vida é algo realmente especial”. 

A programación do Nadal en Zas continuará nos próximos días co acendido oficial das luces en todo o municipio, previsto para o 12 de decembro, nunha segunda gran cita que tamén incluirá diversas actividades para dar a benvida a unha das épocas máis significativas do ano.