Xa está de volta a Champions League do fútbol modesto

Xa esta aquí, xa a temos de volta, a Copa da Costa colle forma e levanta as ilusións de todos o equipos, non hai máis que ver a xente que congregou onte o sorteo en Baio para darse conta da importancia que lle dan os clubs. Non vou entrar a valorar o sorteo, pois non era o cometido cando comecei esta crónica, pero non podo evitar comentar que parece que o sorteo fora feito con cabezas de serie, a aleatoriedade do mesmo quixo que esta copa de aniversario respectara as categorías dos equipos, así pois, os tres equipos de Preferente poderían plantarse en semifinais xunto co mellor equipo clasificado de primeira, o Malpica.

Penso que non fai falta que diga o que significa e o que move unha final de copa, pero a desta edición pode ser especial, por ser o 50 aniversario de dita competición. 50 anos de Copa da Costa, son moitos anos de fútbol, de ilusións, de alegrías e tamén de tristezas, pero a todos os que nos gusta o fútbol, e sobre todo o da Costa, cada nova edición e especial.

A nivel persoal teño que dicir que me tocou vivila de diferentes maneiras, e de verdade que todas foron marabillosas e xa me gustaría poder disfrutar doutras edicións anteriores, porque simplemente escoitar a Manín, Sieso ou Italia falar delas con esa emoción e cariño, de verdade que se me poñen os pelos de punta. Realmente dáste de conta do valor que tiña a copa e todo os sentimentos que aqueles anos espertaba o fútbol, a principal fonte de entretemento, isto agora cambiou bastante, mais a copa poida ser a competición que mellor manteña as tradicións do pasado.

Falando do presente, para empezar temos novidades no aspecto competitivo. Como afeccionado teño que felicitar os cambios feitos, e pido que se lles dea un voto de confianza, vamos deixar que a competición transcorra para valoralos e ver si necesitan algunha precisión. As dúas principais novidades están; que a fase previa e os dezaseisavos xogaranse a un só partido e no campo do equipo de menor categoría e que a final se xogará a partido único. A modificación que maior polémica pode levantar é a última. Lévase moito tempo falando desta posibilidade, pero ninguén se animou a implantala, o que máis pesaba na balanza para non facelo eran os recursos económicos que se poden deixar de ingresar os clubs que chegan a final, este ano poderemos comprobar si esta teoría é de todo certa. A min persoalmente non me acaba de convencer, é certo que de cara o afeccionado é máis vistoso, de seguro que vamos a ter un cheo moi superior a dos últimos anos e tamén se poderá escoller un campo neutral que ofreza unha boas instalacións para dito evento. Pero tamén creo que ten os seus inconvintes, pero agora non e momento de valorar eses aspectos, despois da final xa falaremos.

É certo que fun, e son, moi crítico coa asociación de clubs e que non comulgo con parte do seu funcionamento actual, que quede claro, coa asociación, non teño nada persoal contra os seus dirixentes, pero cando se fan ben as cousas hai que ser xustos e recoñecelo. Sabendo que a Copa estaba de aniversario, a asociación deu un paso adiante e púxose a traballar para celebralo por todo o alto. Cónstame que está a traballar para que todo sexa un éxito, iso espero, a asociación gañaría moitísimo crédito diante dos clubes pero quen gañaría é o fútbol costeiro. Gustaríame que o día despois da final non só se falara do campión, senón tamén da organización, da unidade entre clubs, afeccións e así engrandecer, aínda máis, o fútbol e a Copa da Costa.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Outros artigos de Alberto Pose.

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).