A votar polo desgoberno
Escribo estas liñas dende o meu exilio estudantil en Polonia. Namentres soa de fondo a festa dos que berran fartos de quen nos goberna e quen quere facelo. Non é doado facer unha valoración do que foi a campaña electoral a 2.000 quilómetros de distancia, pero todo apunta a que na Costa da Morte tamén estamos moi lonxe desa responsabilidade, transparencia e xogo limpo que conforman os ideais do eido político.
Esta medianoite remata a campaña electoral. Un par de semanas marcadas pola recente sombra da Operación Orquesta e coa incógnita de se pode pasar factura alá onde ésta salpicou. No punto de mira están os alcaldes de Fisterra e Mazaricos, pero máis especial é o caso de Cee. I é que dá a sensación de que Ramón Vigo é un rexedor cunha imaxe en progresivo deterioro dende hai uns meses. De todos os xeitos, esta lóxica que pretendemos aplicar nuns comicios, e que obedece a pilares básicos da ética, non serve para predecir qué vai pasar á hora da verdade.
Na bisbarra, a campaña seguiu o guión doutras épocas previas á cita coas urnas. A autovía e o parador de Muxía constitúen o eixo das grandes promesas que xa se facían hai catro ou oito anos. Ditas infraestruturas deberían estar xa en funcionamento, pero aínda continúan pendentes. E na procura do voto, os principais partidos non dubidan en rodearse de pesos pesados que, en moitas ocasións, traen discursos erróneos en clave nacional que non son válidos cando se trata de pensar no ben do noso concello.
Hai quen di que factores como a crise económica pode inclinar a balanza cara un ou outro lado, mais nunhas eleccións municipais, semella que eses asuntos quedan máis lonxe e pénsase máis na persoa á que se lle dá a confianza que nunhas siglas. O que podería xogar un papel determinante pode ser a cor azul do goberno da Xunta, na procura dese entendemento que, por moito que nos pese, manteñen hoxe en día os gobernos da mesma cor.
O vindeiro domingo veremos en mans de quen está o noso futuro. Os que nos gobernan adoitan facer nestas últimas horas un chamamento á participación, pero cun rebosante descontento da rúa coa clase política, non vai ser o meu caso.
- Fran Lago (franlago[arroba]quepasanacosta.gal).
O Peche, con Fran Lago
- Piratas.
- A outra crónica da Copa .
- Como está o Panorama….
- Que pasa no PP de Laxe?.
- GDR.
- A caverna mediática (pública) españolista.
- ¿É un Goberno ou unha operadora móbil?.
- Unha de cornos .
- San Pepe.
- O Peche (19-03-10).
- O Peche (12-03-10).
- O Peche 05-03-10).
- O Peche (19-02-10).
- O Peche (12-02-10).
- O Peche (05-02-10).