Aparato de Kipp

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Aparato de Kipp

  • Inventor: Petrus Jacobus Kipp (1808 - 1864)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Química. Material de laboratorio.

Descrición e funcionamento

Aparello de vidro formado por dúas pezas que encaixan ó esmeril. A parte inferior consiste nun recipiente de dous balóns superpostos e comunicados cada un deles cunha tubuladura lateral (a do balón inferior mantense pechada e a do balón superior conéctase a un tubo de vidro con chave). Na boca do balón de arriba encaixa a peza superior, un balón con boca esmerilada e cun tubo inferior que se prolonga ata a base do aparello. Este tubo leva tamén unha zona esmerilada que lle permite un perfecto axuste coa peza inferior.

Utilizado nos laboratorios para a obtención de gases en frío, xeralmente o hidróxeno, aínda que tamén sulfuro de hidróxeno e ácido carbónico.
Para a obtención do hidróxeno faise reaccionar ácido sulfúrico ou clorhídrico (diluídos) sobre cinc ou ferro a temperatura ordinaria. O ácido colócase no globo superior e o cinc no do medio, despois deíxase baixar o ácido abrindo a chave da tubuladura lateral ata que este alcanza ó metal no balón intermedio, onde ten lugar a reacción. Pola tubuladura lateral do globo superior despréndese o gas formado que se recolle sobre na cuba hidroneumática. A reacción regúlase abrindo ou pechando a chave lateral.

O inventor

Petrus Jacobus Kipp foi un boticario, químico e fabricante de instrumentos holandes.
Doutorado en farmacia en Utrecht no 1829, montou unha botica na cidade de Delft. A principios do século XIX tanto en Delft como noutras cidades había un exceso de farmacéuticos, así que Kipp decidiu combinar o seu traballo con outras actividades, e así monta en 1830 un comercio adicado a vender instrumentos científicos e productos químicos.

En 1840 foi elixido membro do Consello Médico de Delft, e dende este cargo foi o encargado de dirixir varias investigacións químicas asignadas polas autoridades locais.
Baseándose no aparello ideado en 1836 por James Marsh para xerar hidróxeno, ideou o coñecido como aparato de Kipp, recurrindo para a súa creación ó soplador de vidro alemán Heinrich Gleiber. Este deseño sería o modelo para todas as futuras versións do apaarto de Kipp.

Logo da súa morte en 1864, as súas actividades foron seguidas pola súa dona Hanna Petronella Regina Heijligers e polos seus fillos Willen e Anton. Na actualidade as tres empresas montadas por Kipp aínda seguen funcionando: a farmacia Delft W. A. Kipp, o fabricante de instrumentos Kipp & Zonen, e a empresa comercial Salm en Kipp.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).