As cartas do avó Pascasio: Unha urxente limpeza

Moi querida neta Cristina:

É a miña obrigación o tratar de porche ao día sobre o sucedido na reunión semanal da "Comisión de Seguimento" da intervención xudicial do Centro Galego de Bos Aires. Certamente que os avós estamos preocupados pero eu, en particular, estou bastante esperanzado en que o desenlace non pode ser outro que o retorno da institución ás mans dos socios. Falouse do doloroso presente pero sobre todo do futuro inmediato.

Non quero que perdas nada do tratado, en especial subliño unha intervención que creo pon o dedo sobre un problema que é urxente corrixir se apostamos por unha mutualista sólida e transparente. O que interveu ten boa puntería. É un vello amigo que naceu no municipio de Meira, ao ladito da miña natal aldea fonsagradina. Estou falando de Bieito Abraira, histórico loitador que sempre defendeu con firmeza a independencia de Galicia dentro dunha confederación ibérica de nacións. Infórmoche que alá abaixo o tiñan por medio tolo ao reivindicar a República de Galicia. A verdade dígoche que é un emigrante moi sensato pero a súa fama de exaltado vénlle de cando gritaba nas asembleas alzando na súa man un exemplar da revista "A Fouce".

Bueno, Cristina, imos ao tema que nos ocupa. A independencia de Galicia tardará en consumarse e mentres tanto o meu querido Centro Galego se embarra ata a cellas nunhas débedas que o deixaron no limiar da desaparición. Segundo Abraira a entidade era forte cando non había maior honra para un emigrante que presidir aquel espazo de puxante vida cultural. Eran tempos de bonanza pero tamén de rectitud ética nos comportamentos. Atendíase aos pacientes con eficacia e respecto; fosen enfermidades da alma ou do corpo. Os directivos eran persoas de recoñecido prestixio e os empregados cumprían felices co seu labor. A xestión directiva daba bos froitos que se vían reflectidos nas expresións de orgullo de todos os protagonistas da moi enriquecedora obra común.

Vouche a repetir unhas palabras de Abraira que me quedaron gravadas no bocho: "Case morro por segunda vez ao ver a un empregado do Centro Galego darlle unha patada á porta dunha habitación ---sacra para nós--- en protesta polo atraso no pago dos salarios. Creo sinceramente que o pelotudo degenerado descoñecía que alí morreu o noso heroe nacional Afonso Rodríguez Castelao. Sentinme mal; abatido e impotente diante do triste espectáculo protagonizado polos ruidosos bombos que invadiron os corredores do hospital. O noso santuario de solidariedade foi profanado pola irracionalidad quilombera que substituíu a nosa música tradicional por insultos e berros". Despois, seguiu reflexionando sobre diferentes aspectos da xestión manifestando que é necesario realizar unha urxente limpeza de malandras.

Abraira referíase concretamente a un par de inmorais médicos que deben ser expulsados e denunciados en sede penal. Son profesionais indignos que non poden ser parte do prestixioso cadro médico do Centro Galego. Querés saber o que facían? Un, o cardiólogo, utilizaba o quirófano para atender aos seus pacientes particulares. Colocáballes un marcapasos usado que conseguía a traves de PAMI. Algúns dos aparellos deron problemas; fallaron e houbo que cambialos. O aproveitado galeno cobrábaos coma se fosen novos e de última tecnoloxía. O outro, traumatólogo, comerciaba con prótese coma se estivese na feira vendendo mazás. A ninguén lle gusta que lle vendan unha froita un pouco branda pero creo non é o mesmo que se na túa cadeira ---no canto de titanio--- métenche un plastiquito que se deteriora antes de que llegués á esquina. É prioritario erradicar estas condutas indecentes porque se cobrás para o peto; estás roubando.

Sobre o futuro o amigo Abraira expuxo a súa idea que vira ao redor de saír do pozo mediante a recuperación da confianza social. Teño apuntado o que dixo sobre os ingresos: "O noso Centro Galego será viable se chegamos aos corenta ou cincuenta mil socios. Os meus números non son unha fantasía, xorden da realidade demográfica de Bos Aires. Así, entón, ao ter unha razoable masa social ingresaremos un millón de dólares por mes na caixa societaria. Ademais, hai que sumar os euros da Xunta para subvencionar aos asociados nacidos en Galicia". Claro que antes de implementar unha campaña de socios insiste o ex directivo Abraira en convencer ao interventor A Blunda para que non demore unha acción desinfectante que afaste do hospital aos virus-corruptus dos que son portadores ---diagnosticados--- un chorro-cardio e un chorro-trauma.

Despídome. Tenés moito laburo que facer e estouche retendo. Recibíde o abrazo cariñoso do avó de Mazaeda que non che esquece.

  • Pascasio Fernández Gómez.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).