Carta ao alcalde de Corcubión
02 de decembro de 2010 (14:03 h.)
O Alcalde de Corcubión vén de amosar hai uns días a súa pataleta por térselle vido abaixo o seu proxecto faraónico de praia artificial. Unha vez máis, ao igual que durante todo o proceso de debate do proxecto, o alcalde pretende combatir a súa pobreza de argumentos cunha serie de acusacións contra o Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión. O alcalde non soubo estar á altura do seu cargo. Simplemente fallou á hora de defender o seu proxecto porque, básicamente, o areal artificial era indefendible. Carecía de coñecementos abondos para xustificar a actuación. Limitouse a crer unha serie de seudoverdades que él vendía coma dogmas de fe. Cando o Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión centrou o debate en argumentos, naufragou estrepitosamente. Agora, ante a falta de costume de que lle leven a contra, carga contra os membros dese Colectivo coma rapaz caprichoso a quen non lle deixan facer o que lle peta.
O Sr.Lema repetía machaconamente que o proxecto era beneficioso para o pobo sen xustificar a súa afirmación. Unha “verdade” sen base algunha. Únicamente o lera nalgún estudio que o Colectivo en Defensa da Ría se encargou de desmontar, o cal, non foi difícil dada a cantidade de erros, inexactitudes e, directamente, mentiras que reflectían eses “estudos”. “Estudos” que minten en cifras, que valoran cousas de xeito subxectivo ou que “esquecen” a ampliación do peirao de Brens… Coa mesma gratuidade e reiteración estúpida, repite o alcalde que “un 90% do pobo estaba a prol da praia artificial”. En que se basea para dar ese dato?. Acaso fixo algo para coñecer con exactitude quen apoiaba o seu proxecto?. O Colectivo entregou unhas sinaturas que incluían xente de diversa procedencia, nunca se agochou. Veciños de Corcubión que non desexaban esa aberración na nosa ría. Turistas, que segundo vostede estaban encantados coa praia artificial e aos que vostede nega a palabra e nós si lla demos. Xente doutros puntos desta ría, porque esa actuación tería causado efecto noutros lugares deste Seo. O Sr. Lema négalle palabra e opinión a todo aquel que non lle de a razón, fracasando como representante da vontade popular, porque inda que lle pese, tamén é o alcalde daqueles que non aceptan todas e cada unha das súas ideas. O alcalde prometeu actos informativos, visitas casa por casa para falar do proxecto… e todo quedou en nada. Non podía soportar un debate cara a cara con ninguén. Refuxiouse nunha serie de entrevistas en “petit comité” con aqueles que, cun horario laboral flexible coma o do alcalde, puidesen acudir nos quince minutos de graza que concedía o rexedor, a falar do proxecto. Iso, e unha “campaña informativa” con outros proxectos faraónicos que tivo unha financiación cando menos escura.
O argumento do alcalde sempre foi envolver a protesta no sudario da política. Nunca foi capaz de comprender que incluso algúns dos seus votantes estivesen en contra de tan disparatada idea. O Sr.Lema concibe a política sen contrastes: branco ou negro. Se alguén está con él está en todo e para sempre. Por iso fomos incapaces de facerlle ver que en contra desa aberración artiificial había xentes de todo tipo de sensibilidades políticas, incluso a que él representa dende hai uns anos. Agora, amolado ante a imposibilidade de convertir o desvarío en realidade, acusa ao Colectivo de “evitar que o goberno xerase postos de traballo“ coa realización da mal chamada rexeneración. Noxenta acusación nestes tempos que corren, pero todo vai enmarcado nesa táctica do boxeador noqueado de enmarañar o combate, misturar todo. Nós falamos de argumentos, e o alcalde nunca foi quen de rebatir nada. Refírese á “multitude de traballos perdidos” coma quen se refire a unha quimera que nunca viu. En algún momento aportou algunha cifra crible sobre emprego que podería xerar?. Sabe vostede o que se xenerou noutras actuacións similares?
Agora laiase de que o Sr. Eimil, xefe da Demarcación de Costas deixouno na estacada, que a crise botou abaixo o soño-delirio e tras dicir que o Colectivo eran catro individuos politizados, resulta que acusa a ese feble Colectivo de esnaquizar o seu proxecto. Cal é a súa lóxica Sr. Lema?. Son poucos e febles ou son os responsables da súa devacle?.
Sr. Lema, en algo lle vou tomar a palabra. Afirma que o proxecto é tan bó que agarda que o retomen PP ou BNG se chegan a gobernar. Espero que ambolosdous partidos, nun exercicio de coherencia e credibilidade, emitan sendos comunicados facendo pública a súa negativa a levar a cabo un disparate de tal calibre. Así o deixaron claro en máis dunha ocasión e así espero que continúen pensando.
Tamén resulta chamativo que nun momento tan crú, se acorde o alcalde de Corcubión da empresa que ía realizar o aporte dos áridos. Uns áridos inapropiados pra o que se pretendía “rexenerar”, pero iso é outro tema. A labor do alcalde de Corcubión debe ser salvagardar o interés dos veciños e non de ningunha empresa privada coa que parece está moi interesado na súa actividade.
Hai uns días vimos o impacto que tivo unha actuación similar nun lugar como A Coruña. No verán xente chea de pó de caolín coma se estivesen rebozados en fariña… iso que era caolín lavado tres veces. En inverno unha rampa perfecta para aumentar o efecto dos temporais, unha area desaparecida e oito millóns que haberá que volver a tirar o vindeiro ano para convertir en aparente unha realidade que a natureza tira ano tas ano. De suceder asi en Corcubión ben sabe vostee que sería moi complicado atopar un peso para recompoñer unha chapuza.
Sr. Alcalde, quixo vostede ordearlle ao sol que non amencera e decatouse do seu poder real. Ogallá isto lle sirva de algo. Nunca quixo participar en actos informativos do Colectivo. Nunca aportou datos reais do seu proxecto. Só respostou con insultos e descalificacións a uns veciños que cometeran o pecado de levarlle a contraria nun proxecto que, honestamente, pensamos só serviría para destrozar o pobo. Coma guinda, aproveita a despedida do proxecto-desastre para acusarnos de non desexar que haxa emprego no pobo. Quere vostede ocultar o seu fracaso persoal logo de terse involucrado ata o límite. Cústalle recoñecer que naufragou. Debería respectar vostede a ese pobo que da e quita razóns e do cal vostede é alcalde-presidente. De todos e cada un dos veciños deste pobo aos que vostede denostou polo mero feito de non renderlle pleitesía.
- Fran Hermida (franhermida@quepasanacosta.gal).
Máis información
- senxeito.eu, o blog de Fran Hermida.
Entrevista con Fran Hermida
- 10 preguntas con Fran Hermida, o camello do humor da Costa da Morte: 10 anos percorrendo o país arrincando gargalladas.
- "Eu son pelexón e rebelde e polo tanto toca reconstruirme".
Outros artigos Sen xeito
- Cousas que pasan desapercibidas.
- Falta de valentía.
- Folga Xeral.
- Touros.
- Prexuizos.
- Polígonos.
- Foro Costa da Morte.
- Ocos.
- Unha de crise.
- Golpe do mar.
- Viaxe no tempo.
- Batalliñas.