Desafíos municipais
13 de marzo de 2015 (10:06 h.)
Loitar contra o desemprego. Este é o principal reto que deben afrontar os futuros rexedores locais. Porque, arranxar as rúas está ben, poñer novos puntos de luz tamén. Pero, non se pode tolerar que os poucos mozos –e non tan mozos– que aínda non emigraron, teñan que facelo por carecer de futuro laboral. Trátase dun anacronismo que debe desaparecer. En cuestión de prioridades, esta é, sen dúbida, a principal.
A transparencia na xestión pública debe constituír outro empeño, porque é a esencia da democracia. E apenas ten custo. Proporcionar información actualizada na páxina web corporativa sobre retribucións de cargos electos e persoal de confianza, actas de procesos selectivos, provedores e contratistas con máis adxudicacións, por exemplo, son conductas que dificultarían –cando menos un pouco–, o nepotismo e outros tipos de corrupción.
O terceiro problema básico a superar é a persistente insuficiencia de recursos propios. Porque condicionan o volume do orzamento, provocando déficits e a insolvencia financeira da entidade.
Destacaría, por último, a necesidade de potenciar o desenvolvemento endóxeno. Implementar estratexias cos municipios limítrofes, conseguindo economías de escala, para promocionar conxuntamente actividades turísticas, implicando a todos os colectivos interesados, debe ser outro elemento a considerar, pola innegable relevancia económica deste sector.
Pero, resolver estas e outras cuestións que estarán na mente do lector, non é sinxelo. Xa o sabemos. Por iso interesa coñecer, canto antes, as solucións que propoñen os aspirantes á Casa Consistorial, para poder elixir con rigor. Que é do que se trata.
- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra
- O soldo do alcalde.
- Repasando o PIB dos Concellos QPC.
- Facturas no caixón.
- Débeda viva a 31/12/2013.
- Solvencia financeira municipal.
- Os concellos e a crise.
- Reposición da legalidade urbanística.
- Loito por culpa do mar.
- Remanente de tesourería.
- Eficacia recadatoria.
- Oportunidade perdida.
- Gasto de persoal.
- Rendición da conta xeral.
- A Conta Xeral.
- A contribución.
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).