Medidas cautelares

Isto de hoxe vai ser complicado. É difícil explicar que foi o que pasou, primeiro porque resulta complicado e en segundo lugar porque sospeito que a aqueles que estes últimos días vagan totalmente abatidos, sorprendidos e asustados polo resultado das leccións, por exemplo, en Cee non lles vai valer a miña explicación. Dá igual, o entendo. Só se trata dun pequeno bálsamo.

Democracia non é o nome dun perfume. Non é unha marca de roupa, ou si, pero non estou falando dun produto. Non é algo que un poida colocarse na pel, como unha calcomanía daquelas da nosa infancia. Non se trata dun peiteado, non se come, e é imposible aprendela, dado que non se pode ensinar. Democracia é un estado propio do individuo, convertido en cidadán, con dereitos e obrigas compartidos e integrado nun estado de dereito. Na democracia se é, non se está. Esta e non outra é a razón primordial pola que o domingo pasou o que pasou.

Na Costa da Morte en xeral, en Galicia por suposto e non cabe dubida que en España non existe cultura democrática. E non existe porque unha xeración, aproximadamente a terceira parte da poboación adulta con dereito a voto viviu a maior parte da súa vida sen ela. Durante 40 anos non existía e antes da ditadura a poboación da España dos anos trinta (non digo nada da poboación galega) so experimentou limitados conatos dela, sempre baixo a escrupulosa manipulación do cacique local. Democracia-0, Fascismo-1.

34 anos despois da constitución a Costa da Morte é un lastimoso exemplo de como a Democracia nin nace nin medra soa nunha poboación. Porque a poboación vende o seu voto, esa papeleta que, para unha importante parte da cidadanía carece de ningún valor real. “¿Cómo?, ¿Qué hai un paisano na porta que di que me paga 200€ a cambio do papeliño do carallo?, ¿Qué me coloca a filla no Concello?, ¿Qué di, que estará encantado de arranxarme esa pensión para a muller que nunca cotizou nin padece mal ningún?. Estupendo. ¿Onde firmo?”. Isto é o sinxelo, isto é o fácil. Programa, contrastación, valores, democracia. ¿Para que?. Isto é moitísimo mais fácil. O candidato quere algo que eu teño, me paga por elo e eu doulle o que me compra. Punto.

Non falo da totalidade, por suposto, pero un bo anaco, unha de cada tres persoas con dereito a votar en Galicia funcionan así. Non creo que existan enquisas fiables pero, aos amigos do IGE lanzo este guante. Que se atrevan a preguntar, verán o que sucede. E claro, dado este platexamento un se pregunta, ¿existe, vivimos en democracia?. A resposta que o longo de meses, de anos, levo dando dende estas mesmas liñas xa a coñecedes. Eu teño claro que non, que nos engana a diario porque nos deixamos. Democracia real xa. Era hora. Agora a ver canto duran acampados. Témome que pouco.

Dicíame un amigo, abogado de profesión, que ó fío da Operación Orquestra e a bronca política suscitada polo caso, escoitaba demasiado as verbas “Presunción de inocencia” pero nunca a frase “Medidas cautelares”. Dicía este amigo que, si finalmente, o imputadísimo candidato independente acaba gobernando e, despois de dous anos de mandato, remataba inhabilitado e as arcas do concello (quen sabe) totalmente saqueadas, un xuíz debería condenar de xeito subsidiario ao estado por ter permitido a este señor presentarse a uns comicios cando as probas contra el, a ollos de todo o mundo menos do presidente da Xunta que o defendeu en sede parlamentaria, eran abrumadoras e evidentes amparándose nunha presunción de inocencia que non impediu a un xuíz pedirlle o imputado o pago de 29.000€ para non envialo ao cárcere. Di este amigo que, chegado o caso, sempre debe pagar alguén e que, cando se trata de empresas e posibles prexuízos directos ou indirectos para persoas ou enseres o que se fai, o xusto e adecuado é decretar medidas cautelares que impidan que o posible dano sexa maior aínda que o xa producido.

Está visto que soa mellor presunción de inocencia cando se trata de política que medida cautelares. Esas, deixámolas para os ladróns de galiñas. Eses si que son perigosos.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores