Modelo de aventadora

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Modelo de aventadora

  • Cronoloxía: 1890 – 1891
  • Orixe: Francia
  • Clasificación: Obxectos educativos / Sección: Agricultura

Descrición e funcionamento

Modelo de aventadora construída en madeira e co mecanismo interior en metal. Utiliza un ventilador centrífugo e un sistema de peneiras.

A función desta máquina é limpar e seleccionar o gran. Para elo basease nun sistema de cribas que son axitadas para así seleccionar o gran por tamaño, e un ventilador para crear un fluxo de aire que arrastra a palla, o pó e o gran máis lixeiro.

A máquina hai que situala a favor do vento para que alonxe o pó e reforce a súa acción de limpeza. Débese accionar a manivela a un ritmo constante, que non pode ser moi lento (apenas limparía), nin demasiado rápido (arrastraría demasiado gran). Hai ademáis que axustala en función da suciedade do gran e do caudal que sae da tolva.

O Gabinete de Agricultura

Entre o patrimonio histórico-científico que hoxe conserva a Fundación destacan os máis de trinta modelos de máquinas agrícolas e apeiros de labranza, mostra dunha colección orixinal de noventa e dúas pezas.

Esta colección completábase con 12 mostras de terras, 6 mostras de abonos e 116 de sementes de especies cultivadas. Para as clases de agricultura contábase ademáis de láminas didácticas, dun herbario agrícola e dunha colección de 100 insectos útiles e perxudiciais para o campo.

O gabinete de agricultura contaba tamén con instrumentos de uso para a poda e o inxerto, materiais comúns de laboratorio como areómetros, termómetros, alambiques, etc. Estes modelos foron utilizados na cátedra de Agricultura nun intento de incorporar as novidades técnicas no campo da agricultura nas terras galegas.

A materia de Agricultura formou parte do currículo do ensino secundario a finais do século XIX e nos primeiros anos do XX. O Plan de estudos de 1880 incluía a Agricultura como unha das tres materias do quinto e último curso; no ano 1901, o denominado Plan de Romanones situábaa como unha das materias do sexto curso.

É evidente que os estudos de agricultura teórica e práctica tiveron unha importancia relevante no Colexio, e foron complementados con numerosas disertacións e conferencias públicas sobre novas técnicas de cultivo e outras de fomento da gandería, ás que ademáis dos alumnos acudían labregos e gandeiros da comarca.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).