Movementos migratorios na Costa (1700- 1860) (II)

2. Tipos de movementos e a súa incidencia na demografía

Nas sucesivas entregas presentaremos os resultados obtidos a partir do estudio dos libros de difuntos en diversos arquivos parroquiais da comarca de Fisterra coa intención de dar unha idea aproximada do que foron a mobilidade e os movementos migratorios nesta zona, tanto a nivel peninsular como continental para o período 1700-1860. Concretamente, empregamos os de Sta. M• da Xunqueira co seu antigo anexo de S. Estebo de Lires; S. Adrián de Toba e Santiago de Ameixenda (todas no actual concello de Cee). S. Vicente de Duio e o seu anexo de S. Martín; S. Xoán de Sardiñeiro e Sta. Mª das Areas (todas no concello de Fisterra) e S.Marcos de Corcubión. A análise da mobilidade/emigración, a través dos arquivos parroquiais, debe ser tomado como indicativo do fenómeno e nunca como valor absoluto.
Entre as razóns da limitación podemos citar o pequeno do territorio abarcado e que as referencias conservadas son indirectas e discontinuas no tempo, dependendo a calidade da información da "profesionalidade" de cada párroco. Neste senso, debemos facer mención ó problema das omisións, xa que os casos recuperados (enténdase, misas por ausentes) deben ser unha parte mínima do problema porque só nos chegarán novas dos falecidos que conten cun familiar, coñecido ou unha institución que pague as honras fúnebres. Un problema destas honras é que poden ser máis reflexo dunha mobilidade da poboación cá dunha emigración propiamente dita (caso das mortes accidentais e no "Servicio Real"). Respecto a América, teñen que superar o factor da distancia que dificulta a chegada de novas sobre o pasamento. Como contrapunto, teñen a avantaxe de que non ten cabida a ausencia de carácter accidental,excepto no caso de falecidos en barcos de compañías que comerciaban con América, como veremos noutros artigos. Como esquema xeral, nun proceso emigratorio cabe distinguir tres tipos de movementos:
  • a) temporal (emigración "anduriña"), dirixido, sobre todo a Castela.
  • b) temporal (moi difícil de evaluar a través dos arquivos parroquiais), co obxectivo de formar un patrimonio no lugar de destino con vistas a regresar.
  • c) definitivo (sexa premeditado ou non), sobre todo a América.
A corrente migratoria afectará a poboación nos seus principais compoñentes:
  • - na nupcialidade: ó emigrar, básicamente, os homes, os que quedan teñen máis facilidades para casarse, mentras que o celibato femenino aumenta inevitablemente. A outra consecuencia é a maior edade da muller cando se casa, coa conseguinte perda no período de fecundidade.
  • - na natalidade: o número de fillos por parella estáncase (a emigración estacional trae como consecuencia uns intervalos interxenésicos máis longos).
  • - na mortalidade: a evidencia máis clara apreciase nas relacións de masculinidade. De non haber emigración, as diferencias entre a relación de masculinidade ó nacer e ó morrer non deberían ser moi acusadas.
Precisamente, esta operación é a que nos dá certos indicios sobre os ritmos emigratorios da nosa comarca. As cifras de conxunto esconden grandes diferencias, tanto no aspecto cronolóxico como no xeográfico, por eso é aconsellable diferenciar os resultados obtidos para a parroquia de Cee (única vila con datos na mostra para todo o período) dos procedentes das outras seis parroquias de claro peso rural.
Período Rel. Masc. Nac. Cee Rel. Masc. Def. Cee Rel. Masc. Nac. Rural Rel. Masc. Nac. Rural
1701-1740 111.9 66 115 83
1741-1780 106.1 60 113.9 76.8
1781-1820 100.3 86.4 104.7 95.5
1821-1860 113.3 82.2 114.4 93.2
Unha ollada ós datos precedentes (compróbese a diferencia entre as relacións de masculinidade ó nacer e ó morrer) é a que confirma a existencia dunha corrente migratoria que, non foi de igual volume e intensidade para todo o momento estudiado, nin siquera para toda a comarca, xa que nas vilas foi moito máis importante cá no campo. * Nota da imaxe: Os arquivos parroquiais, a través do estudio das partidas de bautizados, matrimonios e defuncións, proporcionan variada información para os estudios de demografía histórica. Na imaxe, partida de bautismo de D. Fernando Blanco de Lema, procedente do arquivo parroquial de Santa María de A Xunqueira de Cee.
  • Víctor Castiñeira. (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal)

Que pasou na Costa na época moderna

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia