Movementos migratorios na Costa (1700- 1860) (VIII)

8. O comercio extrapeninsular e consideracións finais

A meirande parte dos actos por ausentes corresponden a naufraxios nas costas españolas, como xa vimos, pero tamén encontramos indicios de personas que morreron lonxe de España e que se puderon valer dos barcos correo ou dos de comercio para emigrar a América ou a Inglaterra. Neste aspecto encontramos falecidos en Cádiz que viñan dende A Habana (1795, 1820), en Xamaica (1797), probablemente nas plantacións de azucre das "Sugar Islands", no Guarico e Veracruz (1802), en Caracas morren en 1814 dous pilotos de comercio froito das revoltas independentistas... Pola mesma razón morre outro en Bos Aires o ano anterior. O comercio co norte de Europa vía Inglaterra atopámolo a mediados do século XIX (lonxe quedan os correos marítimos dende A Coruña a Falmouth que ben puderon ser empregados nalgúns casos para emigrar). Sabemos que ata 1815 existían dende A Coruña uns buques correo que unían Galicia con Falmouth e que lustros despois de rematar esta conexión postal, Inglaterra mantiña en servicio varios buques correo a vapor que saían semanalmente rumbo a Xibraltar, Cádiz, Lisboa, Oporto e Vigo. Nos arquivos parroquiais das vilas de Cee, Corcubión e Fisterra, atopamos mortos en Inglaterra entre 1856 e 1860, feito realmente suliñable e que debe indicar a diversificación do comercio nun momento no que o salgado da sardiña está saíndo duns anos de decadencia (crise das pesquerías nos anos corenta). Asi, en 1856 sabemos que saíu de Fisterra un barco en lastre para Liverpool; en 1859 morre un mariñeiro de Corcubión no porto de Londres e en 1860 morre un ceense no hospital de Liverpool. Tamén temos unha mención en Fisterra dun barco que ven con bacallau da Canle da Mancha no 1860, como xa temos comentado na anterior entrega. Para rematar con este apartado queremos deixar constancia do mercado de escravos (mariñeiros ceenses nos barcos da trata).
Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. A introducción de negros, como man de obra escrava, nas colonias españolas de América data xa do século XVI. Nos séculos XVI e XVII o sistema existente de licencias cambiouse polo de asentos a compañías privilexiadas extranxeiras (Portugal, Holanda, Francia e Gran Bretaña) e españolas, para rematar, na mesma liña do restante comercio colonial, coa solución do libre comercio a finais do século XVIII. A guerra de independencia americana modificou o comercio exterior de EEUU que, en lugar de importar coloniais das Antillas inglesas (Sugar Islands) e francesas (Martinica e Guadalupe) e exportarlle-las súas manufacturas, víronse na obriga de face-lo ás colonias españolas do Caribe, sobre todo a Cuba. A necesidade de abastecer un novo mercado fixo que o papel económico das Antillas españolas se revalorizase, vendo na importación libre de man de obra escrava unha solución ó problema de como aumentar a producción sen industrialización. A trata organizada dende Galicia foi unha alternativa á crise que atravesaba o tráfico comercial colonial despois do establecemento do comercio directo dos europeos con América dende 1797. Dez anos despois coa abolición da trata en Gran Bretaña e co enfrentamento anglo-americano (1812-14), a situación é boa para os negreiros españois. Entre 1816 e 1820 podemos falar dos anos máis intensos deste tipo de comercio. O Tratado de 1817 con Gran Bretaña obrigaba a España a prohibir este tráfico, concedendo unha moratoria de tres anos para que os barcos reconvertirán a súa actividade. Estos tres anos de moratoria foron os dun comercio máis forte. As inversións que esixía este tipo de comercio eran semellantes ós das expedicións comerciáis a América pero coa diferencia de que aportaba mellores beneficios Precisamente, nestes anos atopamos mencións, nos libros de difuntos do arquivo parroquial de Cee, que fan referencia a mortos no "comercio de negros en la costa de Guinea por enfermedad natural y fiebre". O número de casos é probablemente superior ó que nos constatamos porque tamén hai algunhas referencias a falecidos en A Habana, que era o punto final deste comercio. Despois de 1820 a trata seguiu existindo, aínda que de forma ilegal, con bastante forza ata mediado o século. A modo de conclusións queremos lembrar os aspectos máis suliñables que se tocaron nas diferentes entregas xa publicadas:
  • existe unha corrente migratoria bastante forte na área dos actuais concellos de Cee, Corcubión e Fisterra dende, polo menos, o derradeiro tercio do s. XVII ata aproximadamente 1780, con variacións na súa intensidade, como pudemos ver. Esto é o que se desprende do estudio das relacións de masculinidade nas defuncións de homes. No s. XIX a emigración perde intensidade e no conxunto rural tende a desaparecer para recuperar o protagonismo dende 1830 aproximadamente (pero non dunha forma continuada).
  • as vilas mariñeiras presentan unha emigración máis intensa que as feligresías rurais polas facilidades que o mar abre os seus habitantes. Ademáis da emigración que coñecemos polas relacións de masculinidade, para estes núcleos tamén temos coñecemento da mobilidade dos seus membros, que como vimos era bastante importante e variada en canto os seus destinos.
  • polo que se refire a estos últimos, pódese dicir que no campo a emigración é básicamente peninsular (Castela e Madrid). Tamén se observa que ata 1800 o lugar elexido é, sobre todo, Castela e que dende inicios do século XIX pasa a ser sustituido por Madrid (que xa tiña mencións con anterioridade pero moito máis escasas). Falar de destinos na emigración das vilas mariñeiras ten moitos máis riscos porque a meirande parte dos actos por ausentes fan referencia á mobilidade (de tipo militar ou comercial, que como xa explicamos era moi variada). Aínda así, debe aproximarse á realidade o feito de que a emigración a Castela é moito menos importante que nas áreas rurais. A capital do reino ten máis importancia que a emigración ás segas e segue sendo un destino importante no s. XIX.
Dende finais do século XVIII pasa a ser protagonista a emigración a América, onde Cuba xogou un papel destacado como foco de atracción, para pasar a partir de mediados do século XIX a ocupar a segunda posición detrás de Arxentina que se converterá no principal lugar de recepción dos emigrantes desta comarca. Antes da emigración masiva a América na época contemporánea, contamos con algúns casos aillados como o dun veciño de Corcubión que no ano 1762 regresara da Nova España donando "un viril de plata sobredorado, un cáliz con su patena y paño de seda, un platillo, dos vinageras y campanilla de plata, fábrica todo ello de la villa de Potosy, en el Reyno del Perú" a cambio de dúas sepulturas na igrexa parroquial de San Marcos.
  • Víctor Castiñeira. (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal)
  • Que pasou na Costa na época moderna

    Que pasou na Costa

    Elección Histórica da Costa da Morte

    Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia