Non entendo nada!

En que quedamos? Crin que era este goberno da Xunta o que ía darlle tal pulo ó inglés, que en menos que canta un galo, xa nos poñiamos todos ó nivel de Toni Bleeeeeeeer. Pero, debín entender mal. Porque, resulta que agora, nin podemos cumprir coa lei: está establecido que teñen que ser 3 horas semanais de inglés, e nalgún centro, só se están dando dúas porque a persoa que enviaron, fíxate que fallo, non pode clonarse!! Tamén, hai cada profesional de “pacotilla”… Pois claro, botando contas, vai dando que entre os cursos de primaria máis os de infantil, non ten horas abondo para poder cubrir tódalas clases. E digo eu: por que non se queda a dar os sábados e os domingos? Era unha solución! Ou, se non quere pringar toda a semana, podía quedarse con algún grupo ata as oito ou as nove, que aínda lle daba tempo a cear aos nenos tranquilamente… Este goberno é un incomprendido. Ten uns funcionarios tan pouco solidarios, mecachissss! Outra cousa que non entendemos porque non queremos, é o tema do fomento do galego. Hai que ter fe. Eu creo firmemente que este goberno quere fomentar o galego. Pois claro que si! Por iso este ano hai que dar as matemáticas en castelán. Está claro, pero mira, se non hai voluntá e non queremos entender… pois é culpa nosa. Como dirían os Tonechos nesta situación “y no quiere y no quiere y no quiere”. Pois si. Será que somos cerradiños de moleira. (Perdóame señor, mentín. Entendo todo. Sonche eu así de revirada).
  • Isabel Tomé (isabeltome[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Maruxiña dos Queixos

Currunchiños anteriores con Isabel Tomé