O mercado das telecomunicacións en Inglaterra
Canto máis tempo paso en Londres, máis me decato das enormes diferencias entre dous países tan próximos (fisicamente) como España e Inglaterra. Unha delas é o mercado das telecomunicacións, que nas illas británicas é moito máis competitivo que no noso país.
Lembro o día no que, recén chegada á cidade da beira do Támesis, fun a unha tenda mercar unha tarxeta SIM para o meu móbil. Dado que non coñecía os operadores presentes no país nin estaba interesada en asinar ningún contrato, pedinlle ao dependente unha tarxeta prepago para recargar de vez en cando. Ao preguntarme de qué marca a quería, contesteille que me era indiferente. Así que, preguntoume tamén de qué país procedía. Ao respostar que son española, recomendoume un operador chamado Now Mobile, por ser o que ofrece mellores prezos para chamar a España. Dende entón, sigo con ela, aínda que me consta que é das menos populares por estes lares. Polo xeral, opto por comprar un paquete de datos mensual (non vencellado a ningún contrato) polo que pago 15 libras esterlinas a cambio de 500 minutos a números nacionais, SMS sen límite e 10Gb en datos. Tamén teño escoitado boas referencias de compañías como Three, O2, Giffgaff, Lyca ou Lebara. Todas elas ofrecen prezos moi interesantes non só dentro de Reino Unido, senón tamén en chamadas internacionais. Para que vos fagades unha idea, cada vez que chamo a España para falar con algún familiar ou amigo gasto arredor de 2 libras por unha chamada de, aproximadamente, 40 minutos.
Mención aparte merecen os proveedores de Internet, sexa para telefonía móbil, tablets ou ordenadores. Ao igual que acontece cos móbiles, é posible elexir entre un servizo prepago ou un contrato (este, á súa vez, pode ser prorrogable mes a mes ou de longa duración). E velaí chega o momento de presentarvos un dos meus maiores descubrimentos neste país: o Mi Fi, que se pode traducir como “Mobile Wi-Fi” (wifi móbil). Trátase dun pequeno aparello –aproximadamente, do tamaño dun teléfono- que funciona como router e que permite conectar ata cinco dispositivos ao mesmo tempo, coa gran vantaxe de que é portátil. Eu utilízoo para a tablet e para o ordenador. Optei por un contrato prorrogable mes a mes que me proporciona 15Gb por 16 libras esterlinas ao mes (impostos incluídos).
Mágoa, en definitiva, que o prezo da vivenda e do transporte non se sitúen ao mesmo nivel…
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- Irene somos todos.
- Londres: a cidade onde todo o mundo é forasteiro.
- The Christmas’ Spirit.
- Desmiuzando o ‘National Health System’.
- España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos.
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).