Pérez

Alemaña é unha federación de dezaseis estados chamados Länder (“país” ou “estado” en alemán) ou, de xeito non oficial, Bundesländer (ou “estado federado”). Os Länder son suxeitos de dereito internacional orixinarios con personalidade estatal propia, aínda que só a exercen entre sí e son representados no estranxeiro polo Estado federal. Cada un dos dezaseis estados federados ten o seu propio goberno e parlamento e todos teñen as mesmas competencias.

Explico o sistema alemán, federal repito, a vista de que o candidato Pérez (Rubalcaba, a máis señas) parece ter reparado nel por primeira vez e descubre, agora si, as bondades do sistema federal. Faría ben en explicarllo ós cidadáns pero sobre todo, en dicir porque falamos agora, trinta anos despois de marcados os parámetros básicos para a nosa convivencia, de cal debe ser o sistema que vertebre España. Porque o do sistema federal é imposible como sistema cando a metade dos que poden votar o consideran inaceptable.

O PP, herdeiro directo da dereita máis rancia e do franquismo, consideraba pouco menos que “casus beli” a proposta feita con motivo do debate da nosa constitución por parte dos electores de esquerda. Naquela mesa dos denominados “pais” da constitución había persoas claramente identificadas co republicanismo e o socialismo (o de verdade, non este de agora) que en non poucas ocasións se manifestaron favorables a consecución dun estado federal como resposta clara aos nacionalismos lexítimos. Porque un estado federal entende que os seus membros, os estados, o son en toda a extensión posible do termino e que, salvo no referente a súa defensa e a representación internacional dos seus intereses, son de feito nacións independentes. Este é o quid da cuestión “nacións independentes”. Por enriba desto so esta a total autodeterminación, algo que case parece inviable nestes tempos nos que todo tende máis a unión (económica, militar ou social) entre países que a separación.

Para o PP o estado federal é unha aberración, un retorno o pasado. Non digo que algún líder autonómico deste partido non estivera encantado coa idea (estado federal= mais para min) pero a dirección nacional a cousa non lle ia facer moito chiste. Federalismo e republicanismo van case que da man e por iso é aínda máis estraño que Pérez (Rubalcaba, ese, si) diga agora que o modelo alemán “mola”, e que merece dun debate publico. Porque nin el mesmo o cre cando o di e porque todo o mundo nas altas esferas sabe que ese non é o debate. O debate é ¿queremos que el e o resto sigan manexando o sistema, sexa este federal, secular ou nacionalsocialista ou preferimos cambiar de esceario e de personaxes?.

Ese si que é o debate. Ese si é o asunto, o miolo, a xema do ovo da organización política do estado. ¿queremos máis desta leria ou preferimos falar dun futuro diferente, sen que a elite que Pérez, Rajoy e demais fandangos encarnan e protagonizan, manexados pola banca e as grandes empresas, nos siga mangoneando a vontade?, ¿queremos máis de rescate a bancos e caixas antes que a autónomos e pequenos empresarios?, ¿queremos mais de recortes en todo menos nos soldos das súas señorías?, ¿queremos mais de que os “mercados” sexan os únicos directores da nosa vida en lugar de que o sexa a democracia e as nosas decisións libres e soberanas?. ¿queremos seguir vivindo en paz ou a escalada cara o desastre na que vivimos?. Termino, ¿queremos ser rescatados ou preferimos afundirnos nos sos sen deberlle nada a ninguén?

Por resumilo e poñerlle un lazo…¿Queremos un “sistema” ou queremos un “mecanismo”?. A fin de contas a min o alemán dáseme moi mal…

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores