Tesouros da Fundación: Esquema Orográfico e Hidrográfico de Galicia

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despóis da inauguración do Colexio- Instituto no 1886. Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia

  • Autores: Vicente Fraiz Andón ( 1859 - 1919 ) / Rafael de la Torre Mirón ( 1871 - 1937 ).
  • Cronoloxía: 1909.
  • Clasificación: Obxectos educativos / Sección: Mapas.
Descrición Trátase dun esquema orográfico e hidrográfico de Galicia, cuia finalidade era o estudo da extensa rede fluvial galega e do vasto sistema montañoso da nosa comunidade. Mapa realizado en escaiola policromada e rodeado dun marco de  madeira, destacando polo seu gran realismo e precisión. Formaba parte da colección de mapas que se empregaban nas clases de xeografía, aínda que éste, por ser de maior porte e de material maís noble (o resto dos mapas do Instituto son de cartón-pedra), usouse moito tempo con función decorativa no despacho de dirección do centro. Os autores
Foi trazado por Vicente Fraiz Andón (Silleda, 1859 - Santiago, 1919). Doutorado en Filosofía e Letras na Habana (Cuba), onde desenvolveu unha intensa actividade cultural, organizando as ensinanzas do centro de ensino Concepción Arenal do Centro Galego. De regreso a Galicia exerceu como Director da Escola Normal de Mestres de Santiago. Foi modelado por Rafael de la Torre Mirón (Madrid, 1871 - Santiago, 1937), escultor e profesor de debuxo do Instituto de Santiago, da citada Escola Normal de Mestres da capital de Galicia, e da Escola de Artes e Oficios. Conta con numerosa obra da súa autoría en Compostela, destacando os artesonados da Universidade, a estatua xacente de Alfredo Brañas no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, os soportais e a antiga sala da casa de Teléfonos na rúa do Franco, así como os retablos da capela do Rosario de San Domingos de Bonaval e de San Fernando na catedral. Un mapa similar a éste foi premiado na Exposión Rexional de 1909 por ser o primeiro mapa realizado con criterio científico.
  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).