Lanterna Máxica
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Lanterna Máxica
- Inventor: Athanasius Kircher (1601 - 1680).
- Fabricante: Jules Duboscq & Philibert Pellin (París).
- Cronoloxía: 1890 - 1891.
- Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Óptica.
Descrición e funcionamento
A lanterna máxica é un aparello óptico, precursor do cinematógrafo. Este instrumento está formado por unha preciosa caixa externa, metálica, sustentada sobre catro columnas que apoian nunha base de madeira. A caixa ten unha chimenea na parte superior, para dar saída ós productos da combustión. O sistema óptico que monta a caixa está formado por un espello parabólico metálico que concentra a luz sobre un tubo porta-lentes, no cal se axustan unhas ou outras segundo se queira un feixe de raios paralelos, converxentes, diverxentes, ou ben o microscopio solar.
No interior da lanterna introdúcese o regulador de Foucault, lámpada de arco na que o carbón positivo vai sostido nunha cremalleira metálica que recibe un movemento uniforme dun aparato de reloxería animado por un resorte motor. Na base da lámpada un electroimán detén o movimento de reloxería mentras a corrente é bastante intensa.
Mediante placas de vidro, que podían ser fixas ou móbiles, a lanterna permitía proxectar diversos fenómenos das ciencias naturais (ou de calquera outro tipo) sobre grandes lenzos brancos, facilitando o exame simultáneo destes por todos os asistentes. Trátase en realidade dunha ampliadora fotográfica, e pode calificarse como o precedente máis claro do cine tanto por técnica como por usos, tipo de espectáculo e linguaxe visual.
Durante a segunda merade do século XIX, as proxeccións de lanterna máxica adquiren especial relevancia no ámbito educativo, ilustrando temas tan variados como a arte, a física, a xeografía ou a historia.
O inventor
A invención da lanterna máxica débese o xesuita alemán Athanasius Kircher, que no 1640, e baseándose no deseño da cámara escura, a cal recibía imaxes do exterior facéndoas visibles no interior da mesma, pensou en invertir este proceso e levar as imaxes de dentro a fora.
O aparello deseñado por Kircher consistía nunha cámara oscura cun xogo de lentes e un soporte corredizo, no que se colocaban transparencias pintadas sobre placas de vidro.
Estas imaxes iluminábanse cunha lámpada de aceite (lembremos que aínda faltaba moito para o invento da luz eléctrica), e para que o fume poidera ter saída, dotábase o conxunto dunha vistosa chimenea.
Sen dúbida a lanterna máxica sufriu un cambio fundamental no seu deseño cando a lámpada incandescente e o arco voltaico foron descubertos, e a súa aplicación substitúe con inmensa vantaxe a iluminación por lámpada de aceite.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.Máis Tesouros da Fundación
Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).