Tesouros da Fundación: Modelo da Locomotora Crampton
31 de agosto de 2011 (09:00 h.)
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Coas súas máquinas, que serán a base das locomotoras de velocidade non só en Inglaterra, senón en toda Europa, particularmente en Francia e en Alemania, o enxeñeiro británico Thomas Rusell Crampton marcou unha época na historia da velocidade ferroviaria.
Cun só eixe motor de gran diámetro de roda, e dous ou tres eixes portadores dianteiros, as “Crampton” tiñan a particularidade de dispoñer dun bo circuito de vapor para a época. Timbradas a 6,5 kg/cm2, tiñan o centro de gravedade baixo, o que lle daba moi boa estabilidade.
As primeiras foron fabricadas en 1846-1847 por Tulk e Ley para a compañía belga de Liexa-Namur, de propiedade británica.
En Francia, onde se puxeron en servizo as primeiras entre 1848-1849, gozaban dunha estabilidade asombrosa, ata tal punto que un decreto do emprerador Napoleón III, do 30 de xuño de 1853, autorizou a súa circulación a 120 km/h.
Thomas Russell Crampton deseñou tamén un túnel automático hidráulico que serviu de inspiración para a contrucción do Eurotúnel que cruza o Canal da Mancha, unindo Francia e Inglaterra.
Modelo de Locomotora Cramptom
- Inventor: Thomas Russell Crampton (1816 - 1888)
- Fabricante: G. Fontaine (París)
- Cronoloxía: 1890 - 1891
- Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Calor e Traballo
Descrición e funcionamento
Modelo mercado, como a case maior parte dos aparellos que formaban parte dos gabinetes de física e química do antigo centro de segunda ensinanza da Fundación, na casa de material científico G. Fontaine da capital de Francia durante o curso académico de 1890-1891. Estaba destinado este modelo a observar, na práctica, o funcionamento das máquinas de vapor que movían as locomotoras, asi como a mostrar como se transforma a enerxía calorífica do vapor en movemento das rodas mediante un mecanismo de biela-manivela. O modelo consta de dobre máquina de alta presión, unha a cada costado. O vapor, formado na caldeira, distribúese nas caixas laterais para impulsar o émbolo nos cilindros. Este movemento tranmítese pola biela ás rodas motrices que, apoiadas nos raís, os cales van montados nunha plataforma de madeira, e polo rozamento debido ó seu peso, arrastran o tren.O inventor e a historia das locomotoras Crampton
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.Tesouros da Fundación
Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).