Un accidente por culpa do galego (a realidade supera a ficción, e non vos riades)
Nin que dicir ten que moitos creron na veracidade daquela parvada, como tamén houbera quen crera o que se contaba nalgún medio madrileño de que moitos colexios de Vigo (mesmo os privados!) poñían ós profesores vixiar nos recreos para que os rapaces e as rapazas falasen en galego e non en castelán.
E miren Vdes. por onde aquela brincadeira retranqueira miña se acaba de facer realidade co que acabo de ler hoxe na prensa: que Tráfico multa con tres mil euros por sinal á empresa de autoestradas da A9 por rotular en galego Peaxe no canto do castelán Peaje, en base ó artigo 142 do regulamento de circulación, porque seica a indicación en galego “puede confundir a los conductores de fuera de la comunidad”. Tan poucas ‘entendedeiras’ lles supón Tráfico a esa xente de “fuera de la Comunidad” como para non seren capaces de traduciren ó seu idioma unha palabra na que só cambia unha letra, o –x- polo –j-? Palabra que, por certo, está calcada do castelán, pois nin sequera se recorreu a unha adaptación da equivalente en portugués, portagem. Ante o recoñecemento de tamaña incapacidade non é estraño que esteamos á cola de Europa no coñecemento de idiomas. Tales sinais en galego seica se levaran a cabo a partir de 2009 e nunca orixinaron ningún problema, pero tanto ten: se non o hai créase, e despois a algúns éncheselles a boca co requilorio do bilingüismo cordial e outras argalladas.
Onde están agora os ‘opinadores’ de quenda de boa parte dos medios escritos e falados, galegos e non galegos, que, ó mínimo intento de que o noso idioma asome a cabeza tratando de igualarse ó castelán, xa están co dedo inquisidor denunciando as inadmisibles pretensións do idioma propio de Galicia? Lembremos a tinta que gastaron uns e outros cando o tripartito catalán de hai uns anos disque multaba ós comercios e empresas de Cataluña por non rotularen en catalán (tamén o facía por non rotular en castelán, pero iso calábase). Así mesmo, encheron de lixo o bipartito galego cando este empezara a facer unha moi tímida campaña a favor da introdución do noso idioma na publicidade das empresas. Fora un dos alicerces de “la imposición” coma aqueloutra mentira de que nas galescolas se obrigaba a cantar o Himno e a desfilar marcialmente. Ubi sunt? Ulos? Por que no saen agora a ridiculizar estas multas dignas do esperpento máis valleinclaniano? Que non farían se fose ó revés?
- Xosé María Lema Suárez (lemasuárez@quepasanacosta.gal).
Novas relacionadas
- A bitácora da semana (CCV): A Costa do Solpor de Lema Suárez.
- Lema Suárez estréase coa súa primeira novela de piratas “Costa do Solpor”.
Artigos de Lema Suárez en QPC
- O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio.
- Os haikus de Miro Villar.
- Vítor H. Brandalise, un brasileiro seguindo os pasos do caderno de campo do xeógrafo Domingo Fontán por Galicia.
- As imaxes roubadas das igrexas de Nande e Traba (Laxe): hai interese por evitalo?.
- Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais.
- Finou o vello galeguista Avelino Pousa Antelo.
- Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).