O que nunca deberiamos perder
Vivimos nun tempo que nos ensinou a confundir avanzar con afastarse. Marchamos para estudar, para traballar, para buscar oportunidades ou, simplemente, porque nos convenceron de que o éxito sempre estaba noutro lugar. Medimos a vida polos quilómetros percorridos, polos ascensos conseguidos ou polas metas alcanzadas. E, mentres tanto, poucas veces nos preguntamos que fomos deixando polo camiño.
Hai unha idea que me acompaña desde hai tempo: non todas as perdas fan ruído. Algunhas prodúcense lentamente, coa mesma discreción coa que desaparecen os costumes, as conversas demoradas ou os nomes das persoas maiores que un día sostiveron as nosas familias. Non hai un instante exacto no que deixamos de pertencer a un lugar. Simplemente chega un día no que nos damos conta de que coñecemos mellor os horarios dunha cidade que a historia da casa onde nacemos.
Na Costa da Morte sabemos ben o que significa marchar. Cada familia garda algunha despedida na memoria. Pais que viron partir os fillos, mozos que prometeron volver axiña e descubriron que os anos pasan moito máis rápido do que un imaxina. A emigración forma parte da nosa historia, pero tamén da nosa identidade. Grazas a ela construíronse vidas dignas e abríronse camiños que merecen todo o noso respecto.
O problema non é marchar. O problema é pensar que, para medrar, hai que esquecer. Porque hai algo que só comprendemos cando pasa o tempo: un fogar non é un punto no mapa. É unha maneira de sentir. É o arrecendo dunha cociña acesa nun día de inverno. É unha mesa arredor da que xa non caben todos porque algúns quedaron para sempre na memoria. É unha avoa que preguntaba se xa comeramos cando, en realidade, o que quería saber era se estabamos ben. Son esas cousas pequenas ás que nunca lles demos importancia porque pensabamos que durarían toda a vida.
Vivimos obsesionados co extraordinario e, por iso, ás veces deixamos escapar o verdadeiramente importante. Fotografamos as viaxes e esquecemos retratar as mans engurradas dos nosos maiores. Procuramos experiencias únicas mentres damos por feitas as rutinas que un día botaremos tanto de menos. Cremos que a felicidade chegará mañá, cando quizais xa estivo onte, sentada na mesa da casa, mentres alguén servía un prato quente sen esperar nada a cambio.
Quizais a verdadeira riqueza dunha terra non se mida só pola súa paisaxe nin polo seu patrimonio, senón pola capacidade que ten para conservar unha forma de entender a vida. Esa que aínda resiste en moitas aldeas, onde a porta segue aberta para quen chega, onde un veciño continúa preguntando como estás sen mirar antes o reloxo e onde compartir un café segue sendo máis importante ca responder unha mensaxe.
Nun mundo que nos empuxa constantemente cara adiante, tal vez o máis revolucionario sexa deter un intre o paso. Volver visitar aos nosos maiores. Sentarnos con eles sen présa.
Escoitar, outra vez, esa historia que xa coñecemos. Porque chegará un día no que daríamos calquera cousa por volver escoitala.
Ao final, todos descubrimos que hai regresos que non consisten en volver a un lugar.
Consisten en regresar á persoa que eramos antes de esquecer o que realmente importaba.
-
Fran J. Lestón. Lector antes ca escritor. Recolector de historias, de silencios e de memorias que outros deixaron espalladas polo camiño. Escribo para que o tempo non leve todo consigo e porque creo que cada acontecemento, por humilde que pareza, agocha un relato que merece ser contado. Entre libros, palabras e lembranzas, sigo aprendendo que escribir non é outra cousa que a forma máis fermosa de escoitar o corazón dos demais.