Ruído sen contraste

Nos últimos días publicouse neste medio un artigo titulado “Alarma social” no que se pretende trasladar unha imaxe de
gravidade e abandono no Centro de Saúde de Buño que non se corresponde cos feitos reais.

O centro contou durante una semana cunha doutora a media xornada. Unha semana. Houbo atención sanitaria en todo
momento e tratouse dunha incidencia puntual, coñecida e xestionada polos servizos correspondentes. Non houbo peche, nin ausencia total de médico, nin unha situación límite como se pretendeu transmitir desde o Psoe de Malpica.

Non me sorprende que, Alberto Pose, para escribir un artigo tan contundente, só se fixera eco da palabra do grupo socialista e non fixera o mínimo exercicio de contraste. Nin unha chamada, nin unha consulta, nin unha pregunta a quen podía aclarar o que estaba a pasar. Optou directamente por creer a quen creou “alarma social”, falando de parches e de falta de reacción, construíndo un relato máis pensado para xerar inquietude que para informar.

No texto formúlanse preguntas sobre se o Sergas actuou tarde ou só reaccionou pola presión política. Pero a pregunta que debería facerse é outra: é responsable crear unha alarma cando se trata dunha situación puntual de unha semana? É máis, é responsable facelo ao segundo día e sen interesarse o máis mínimo en informarse?

Desde o Partido Popular entendemos que a sanidade é un asunto serio, e precisamente por iso non cremos que deba utilizarse para facer ruído político. A veciñanza merece información rigorosa, non interpretacións interesadas nin esaxeracións que xogan coa súa tranquilidade.

Resolver incidencias sen facer ruído tamén é unha forma de traballar con responsabilidade, aínda que non dea lugar a titulares nin a artigos cargados de dramatismo.
A atención primaria é un pilar fundamental do noso estado do benestar e debe ser tratada con responsabilidade , non utilizando unha incidencia puntual e limitada no tempo para poñer en dúbida o seu fincionamento. Eso non contribúe a fortalecela, senón que debilita e o único que consegue é xerar desconfianza innecesaria por parte da veciñanza e malestar nos profesionais do centro, algo que me trasladaron a min persoalmente, pois non lles parecíu ben ese proceder do grupo municipal socialista.

Opinar é lexítimo. Criticar tamén. Pero cando se fala de saúde pública, o rigor debería estar por riba do ruído.

  • Noelia Freijeiro, concelleira do PP de Malpica,