Non hai nada épico na guerra

A guerra nunca foi épica. É sangue, medo, violacións, crianzas famélicas e mortas, familias rotas, territorios devastados. Con todo, aínda se nos vende envolta en discursos de gloria, como se existise algo heroico no horror. Esa narrativa é funcional ao patriarcado: xustifica a destrución, oculta as vítimas e perpetúa o poder dos que deciden quen vive e quen morre.

A guerra é obra de homes. Non dos que a sofren, non dos que a padecen, senón dos que a deseñan, deciden e ordenan, dos que exhiben arrogancia e impunidade coma se o mundo fose un taboleiro ao seu servizo. Homes que invaden, destrúen, expulsan, e logo falan de “reconstrución” coma se se tratase dun negocio inmobiliario. ¿Que mundo é este no que un señor pode aniquilar unha poboación, traumatizar ás súas crianzas, planear resorts de luxo sobre as ruínas, mentres o resto do planeta observa en silencio ou fai cálculos estratéxicos?

Non é casual que isto sexa posible. A lóxica patriarcal alimenta masculinidades que se erixen na forza e na dominación, que fan da violencia un signo de prestixio. E nesta lóxica, as mulleres levan a peor parte: ven morrer ás súas fillas e fillos, sofren a violencia sexual como arma de guerra, quedan relegadas á supervivencia. A súa dor, coma o traballo de coidados que sostén a vida entre escombros, é invisible e non recoñecida.

Mentres tanto, nós, asistimos ao horror en directo mentres a sociedade internacional debate en trincheiras ideolóxicas. A polarización converteuse nun xeito de evadir responsabilidades: uns xustifican, outros calan. Mais isto non vai de dereitas, nin de esquerdas, nin de bandeiras nin de identidades. Vai de dereitos humanos. Vai de HUMANIDADE.

A guerra ten un custo humano insoportable, pero tamén un custo ético colectivo: cada vez que normalizamos a violencia como ferramenta política, retrocedemos como humanidade, cada vez que miramos para outro lado, perpetuamos o horror. Cada vez que aceptamos que a violencia é lexítima, retrocedemos coma sociedade. 

E cando a historia nos xulgue —porque o fará—, a pregunta será: de que lado estivemos? Eu quero estar do lado da decencia, da xustiza, dos dereitos e da humanidade. Porque non se pode ser neutral ante a barbarie. Porque se calamos, somos CÓMPLICES. 

E cómpre preguntarse:
Que dirán de nós cando miremos atrás?
Cantos corpos máis son precisos para poñer a dignidade e humanidade no centro?
Cantas crianzas mortas fan falta para romper a indiferenza?
Que sociedade construímos se aceptamos que o poder masculino, arrogante e violento, siga decidindo quen merece vivir e quen pode ser borrado do mapa?

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

 

Outras novas sobre Patricia Vaquero