Coidar de quen coidou
Todas dicimos ter empatía, todas somos quen de ver o que pasa ao noso redor e de poñernos na pel dos demais, pero para saber a realidade o mellor é vivila, e se non cando menos, escoitala de quen a padece.
O coidados das nosas persoas maiores pasa por ser un dos problemas mais grandes da nosa sociedade, ao que as administracións non dan solución reais e efectivas e que acaba marcando a vida dunha porcentaxe enorme da poboación, ben sexa por seren coidadoras ou por seren coidadas.
Estes días, e por casualidade, déronse dúas situacións nas que, persoas que coñezo e aprecio, me falaban das súas vivencias persoais e que vos quero contar.
A primeira foi cun parente lonxano, que vin despois de moito tempo, e que no medio dunha distendida conversa, preguntei por súa nai, da que sabía que non andaba ben. El, baixando a cabeza con pena e resignación, contoume que estaba moi delicada de saúde, a diabetes que sufría déixoa cega, o que sumado as dores e os impedimentos propios do paso do tempo, facían dela persoa dependente case o cen por cen. “Escapei agora a tomar unha cervexa porque quedou deitadiña e polo menos saio un día refrescar a mente, contábame aflixido”. Cando lle preguntei si pensara en levala a onde coidaran dela, contestoume que si, pero que non atopara nada que baixara dos 2.500 euros, e iso era prohibitivo para eles, súa nai ten unha pensión de 800 . Non é difícil facer contas, tería que el gañar preto dos 3.000 para poder pagar os 1.700 que lle faltan e ter o suficiente para subsistir, pero onde consegues un traballo aquí con ese soldo… imposible, ou case. Con pouco mais de 50 anos, ten que dedicar a súa vida a coidar da súa nai.
...
O segundo caso foi o dun compañeiro de traballo co que xantei. Mentres esperabamos a que nos deran mesa contoume que levaran a súa nai a unha residencia privada, que xa se lle facía imposible, a el a súas irmás, coidar dela, e que tiveran que tomar a dolorosa decisión de internala. Sen eu preguntarllo, dixime que estaba nun centro, que lles custaba 3.000 euros ao mes e que podían pagar coa pensión dela, uns 1.700 euros, mais co que percibían polo alugueiro dun piso e da casa familiar que ela deixaba.
Dous casos diferentes polas circunstancias socioeconómicas das dúas familias, que tamén teñen que ver co lugar de residencia das mesmas, a primeira é aquí na Costa da Morte, nunha aldea de Muxía, a segunda en Santiago de Compostela. A primeira vai marcar o futuro dunha persoa de pouco mais de cincuenta anos, a segunda, aínda que dura, permite que sigan vivindo.
Pero é isto non é unha maldición bíblica ou algo similar. Estas situacións, exemplos de milleiros de casos, danse pola incompetencia de quen nos goberna, que deberían, e non o fan, mirar polo ben de todas nós.
Como é posible que na Costa Morte só haxa dous centros de día, un en Cabana de Bergantiños e outro en Muros, quedando a case unha hora da comarca de Fisterra, cando o mais normal sería que houbese un centro en cada concello. Ninguén concibe hoxe non ter unha gardería, escola infantil, a man para levar ao teu fillo ou filla, pois na sociedade actual, as persoas maiores xa son moitos mais numerosas que os cativos.
Como pode ser que unha praza nunha residencia privada, de atopala, poida custar 2.500 ou 3.000 euros? Son asumibles eses gastos para unha familia? Algunha haberá, pero na maior parte dos casos é imposible, só hai que ir o IGE e comprobar a media das pensións e soldos da nosa zona para decatarse facilmente que non se anda nin na metade.
O artigo 50 da constitución española, coa que tantos enchen a boca, di: Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e ocio.
Ben sexa pola ambigüidade do texto ou ben pola ineptitude de quen nos goberna, o caso é que o artigo é tan ignorado como outros. Eu, desde logo, decántome polo segundo, porque quen nos goberna só pensa en dar dividendos aos que realmente mandan. Si só unha pequena parte do que xeran os nosos montes, cos milleiros de eólicos que neles hai, repercutira no coidado de que os coidou durante décadas, os problemas serían menos, ou nin tan sequera serían.
- Serxio Domínguez.