Un elefante (touro) na habitación

"The greatness and moral progress 
of a nation can be judged by 
the way it treats its animals."

Mahatma Gandhi

Resulta que estamos en pleno Mundial de Fútbol. Pois moi ben. Impórtame pouco. Só me gusta do fútbol ver ao Deportivo da Coruña e é máis por unha condición sentimental -de neno ía co meu irmán e o meu pai, e ata miña nai, aquel fatídico día do ascenso que ardeu a grada de Marcador -que por que realmente me guste o fútbol. E moito menos me gusta a selección española. 

Combinado nacional dun país que non aprecia -e cada vez menos- que as súas nacións históricas e diversidade cultural é unha riqueza e non un problema. 

Pero ben, non falemos deses ignorantes retrógrados, senón de outros. Aínda que para o que ven ao caso penso -certamente- que son os mesmos. 

Pois resulta que este Domingo mentres facía o xantar acendín o televisor para que fixera ruído -por riba dos miaños de Xouba, á cal non lle gusta a calor e mo fai saber arrabuñándome as pernas e maldicindo o cambio climático en felino- e vexo que falan do Mundial de fútbol no telexornal. 

Touro de TVE

Resulta que este luns debuta o combinado nacional e entón emiten unha promo -feita con IA aínda por riba- onde se vé a un touro coas cores de España sair polo túnel do vestiario cara un campo de xogo. Todo moi patriótico. A garra, a bravura, o patriotismo e bla, bla, bla, identificado na figura dese touro que só lle falta saír cantando unha canción de Manolo Escobar para subliñarnos máis se cabe que o touro é español, español, pero moi español de nuesto señor, pero máis español que o adn de Don Pelayo e o Cid, mesturado coa mala baba de Terminator. 

O touro, nesa promo de Tve, como emblema nacional, golpea coa pata o chan, embravecido, e fai un buraco no cemento demostrando que España é brava e ten unhas gañas tremendas de sair ao campo a demostrar que esa bravura taurina percorre os nosos vasos sanguíneos dende que nos erguemos pola mañá -La España Pura Que Madruga- ata que nos deitamos. En fin.

Os que nacemos nos albores dos 80' aínda fomos quen de ver eses enormes touros de Osborne nas estradas nacionais -recoñezo que de neno me daban medo- como símbolo patriótico e de unidade. Supoño que Bodegas Osborne nunca pensou que unha campaña publicitaria ía quedar como símbolo dunha España que mudaba o branco e negro pola cor. Pero quen non viu un deses touros acartonados no alto dun monte, colina ou outeiro observando os nosos Renaults 5 ou 11 a trinta e cinco grados.

A cousa é que o touro é o animal emblema do Estado Español queiramos ou non. Pois moi ben. Outros países ou seleccións de fútbol tamén teñen animais-emblema, e eses animais identifícanse co seu estado: USA unha águila, Inglaterra tres leóns, Francia un galo, etc... Os que me veñen á cabeza. 

É máis, ata vexo que agora moitos coches que percorren as nosas estradas -Audis, BMW, Mercedes ou o Seat León do Jonathan de turno na súa maioría -decoran os seus "cuartos traseiros" coa bandeira de españa de fondo e coa figura dun touro en posición para embestir. Chapeau!!

E todo este roio para qué? Pois para ser xusto e asegurar que o touro é o animal emblema do Estado Español. 
Agora ben: que estúpida sociedade colle o seu emblema nacional e organiza en prazas un xogo maquiavélico, patriarcal, retrógrado, fundamenlista, salvaxe, apoiado polos governos de turno, declarado arte -vaia eufemismo- onde se remata asasinando ao animal entre os vítores do público despois dunha hora mortificándoo. 

Hipocresía? Nin iso. 

Chegamos a ser tan ignorantes que a morte doutro ser vivo deste planeta, só por puro divertimento, o elevamos a símbolo nacional e o utilizamos como emblema que aglutine o sentimiento patrio?
Jojojo... Queda claro o que é este país.

E si, os franceses comen galos, os yanquis matan aguias reais seguramente, e os ingleses fartáronse de disparar sobre leóns na India, África ou calquera outra colonia onde meteran as súas mans imperialistas e noxentas. Non digo que non. Pero non vivo nin en Burdeos, nin en Dallas, nin en Liverpool. 

Vivo nun país tan estraño que mata ao seu emblema nacional por divertimento e nun país algo máis pequeno -de tamaño- que nunha das súas cidades principais -governada pola miña opción política, por certo- segue a celebrar nas súas festas patronais esa barbarie que é a tauromaquia.

En fin. Moi ben polo mundial mafioso de fútbol e co ICE de Estados Unidos que nega a entrada a siareiros de paises "enemigos". Moi ben polas bodegas Osborne. Moi ben por Manolo Escobar. Moi ben por :"Soy Español A que quieres que te gane?". Moi ben polos domingos de touros. Moi ben por Rtve.. e moi ben pola hipocresía analfabeta.
Cada vez que vexa esa promo na televisión pública será un punto ao meu favor para mudarme a Antártida ou suplicar que unha tormenta solar remate con todos nós coma especie!!

Máis artigos de Suso Bahamonde