Television's power
É tan sinxelo como chegar a casa despois dunha xornada laboral, premer o botón do mando a distancia do televisor e converterse nun ser un chisco máis estúpido. Como un pobre truco de maxia dun teatro de segunda; como peitear lámpadas sentado nun campo de papoulas nunha tarde de verán ou tirar pedras aos avións que pasan por riba da costa. Así mesmo.
A televisión como medio de información non é diferente á radio ou á prensa escrita, non. As novas e as doses de información que che ofrecen, non deixan de estar empaquetadas, canalizadas e listas para o consumo baixo as directrices dunha corporación, empresa ou imperio que mide, moi moito, o que conta e como o conta. A diferencia entre a televisión e outros medios de comunicación é que nesta primeira todo é máis doado. Non tes que poñer nada da túa parte. Como cando eras un cativo e a túa nai —e en escasas ocasións o teu pai— erguen a culler coa crema de cabaza e a introducen na túa boca. Igualiño.
Todas e todos coñecemos a típica frase de: «É certo, dixérono na televisión», como se do Ángelus dominical do Papa na Praza de San Pedro antes do vermú, se tratase. Certo é que son as xeracións máis entradas en anos as que máis soen chimpar a proclama ao ceo como un xuramento de sangue, pois por diversos motivos, as novas xeracións xa non ven a televisión. Prefiren informarse, e sobre todo des-informarse, por outros medios. Por algo será.
Aínda así, todo o que sae na pequena pantalla convértese en palabra do Señor, para ben ou para mal.
E o que non sae, pois tamén, pois para iso toda esta parolada anterior:
— E Gaza que tal?
— Eingg?
— Gaza, Gaza… que está a ocorrer en Gaza?
— Ah, pois non sei. Xa non sae na televisión. Están nun proceso de paz, non?
Os que vos cuestionades o mundo onde vivimos xa sabedes a resposta do que pasa en Gaza. Para os demais, —como dicía ese gran filósofo tristemente desaparecido, Robe Iniesta— a gran masa estúpida da maioría, pois en Gaza xa non está a ocorrer nada por que non sae na televisión. E así é.
Ese é o gran poder catódico para ben ou para mal da mal chamada caixa tonta, pois de parva non ten nada: Que cando algo xa non interesa, non vende, ou outras novas ocupan o seu lugar, desaparece da nosa mente polo simple feito de non saír na pantalla. Triste pero certo.
— En Gaza agora brilla o sol e os palestinos pasan o día deitados en hamacas de praia bebendo combinados de ron, mentres agardan para festexar o Nadal.
— En serio?
— Si. Lino nunha web norteamericana de novas.
O poder de internet xa queda para outro ano se acaso.
- Suso Bahamonde. Poeta e narrador. Autónomo e Hosteleiro
Máis artigos de Suso Bahamonde.
- Maio 25: As gatas e Gaza
- Setembro 20: A nova (a)normalidade de sempre