As 6 divertidas finalistas do XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, ven de anunciar os 6 grupos finalistas do XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”. O xurado, tras escoitar as gravacións realizadas en Radio Nordés Cadena Ser polos 12 grupos participantes seleccionados para a segunda fase e logo das oportunas deliberacións, acordaron seleccionar para a súa lectura na Gala Final os seguintes grupos:
Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria):
· XOANIÑA, do CEIP A Canosa-Rus, coa obra Arden os montes. (ver na portada)
· OS CRISTINATREIROS, do CEIP A Cristina, coa obra Medo me dá.
· OS CHIMPÍNS, do CPR Artai, coa obra Axudando ao bosque.
Na 2ª categoría (Educación Secundaria):
· EQUIPO ANTIMETA, do IES Eduardo Pondal, coa obra O interrogatorio.
· INVISIBLES, do IES Monte Neme, coa obra Ícaras.
· OS TOXOS, do IES Monte Neme, coa obra Hai un punto que me doe.
Este domingo 9 de novembro, ás 18.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, terá lugar a Gala Final, xunto a toda a rapazada participante desta edición (arredor de 150 nenas e nenos). Na gala, os grupos finalistas volverán interpretar as súas pezas teatrais e terá lugar a entrega de premios, valorados en 850 euros en libros e material didáctico grazas á colaboración da Librería Brañas Verdes.