O alumnado do IES de Baio alcanza, bailando, un premio estatal de divulgación científica

O IES Maximino Romero de Lema acadou o primeiro premio na modalidade de danza do certame Inspiraciencia, unha iniciativa de inspiración científica promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e dirixida a participantes de toda España. O galardón chegou grazas á peza Bailando con partículas subatómicas, unha proposta artística e divulgativa que explica a evolución dos modelos atómicos a través da expresión corporal e da danza.

O proxecto foi organizado desde o Departamento de Física, baixo a coordinación dos profesores Begoña Raña e Pablo Mira, e contou coa participación do alumnado de 4º da ESO (Alicia, Laura e Nuria) e 1º de Bacharelato (Carmen, Lara, Mateo, Constanza, María, Emmanuel, Manuel, Nico, Miguel, Nazaret e María), que puxo en común creatividade, coñecementos científicos e moito traballo para transformar conceptos da física nunha representación escénica orixinal e atractiva.

A peza foi gravada na fermosa Carballeira do instituto, un espazo emblemático que achegou unha contorna natural de grande beleza e contribuíu a realzar o resultado final.

Este primeiro premio supón un importante recoñecemento ao traballo realizado e demostra que a ciencia e a arte poden unirse para divulgar o coñecemento dunha maneira innovadora, creativa e accesible.

Ademais, o vídeo tivo a colaboración imprescindible Asociación Cultural Adro de Baio, e dos seus membros Diego e Martina, que prestaron os traxes empregados na gravación. 
Este recoñecemento constitúe un magnífico colofón a un curso cheo de aprendizaxes, ilusión e proxectos compartidos. Toda a comunidade educativa celebra este éxito, que nos anima a seguir apostando por iniciativas nas que a ciencia, a creatividade e o traballo colaborativo van da man.

Máis novas do IES de Baioh2>