300 alumn@s únense en Caión ao programa de radio escolar "Ponte… nas ondas"
Un proxecto non consegue ser Patrimonio da UNESCO por casualidade. E Ponte... nas ondas! o é. A iniciativa leva percorrendo o país durante anos, achegando a radio escolar, tecendo pontes con Portugal e afondando na importancia do patrimonio cultural e lingüístico entre a rapazada.
A gravación realizarase no Centro Sociocomunitario a partir das 9:30 horas, formando parte dunha iniciativa simultánea en dez localizacións de Galicia e do norte de Portugal que se poderá seguir en directo por streaming. O programa poderase seguir en directo por streaming desde as 9:30 horas a través da canle de YouTube do Concello da Laracha.
Participarán arredor de 300 alumnos pertencentes a nove centros de ensino: CEIP de Caión, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas, IES Agra de Leborís, IES Eduardo Pondal, CEIP Gándara-Sofán, CEIP As Forcadas, CPI Cabo da Area e IES Parga Pondal. Cada un deles contará cun espazo de entre 20 e 30 minutos para a realización e emisión dos seus contidos radiofónicos, que estarán centrados no patrimonio material, inmaterial e histórico, entrevistas, actuacións artísticas (musicais e teatrais).
Ademais, a xornada completarase para os alumnos con visitas guiadas ao museo do Arquivo da Pesca de Caión, co obxectivo de enriquecer a experiencia educativa e fomentar o coñecemento do patrimonio local.
A iniciativa enmárcase nunha acción conxunta promovida por Ponte… nas ondas!, que se desenvolverá de maneira simultánea noutras nove localizacións de Galicia e do norte de Portugal: Vimianzo, Ourense, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Allariz, Valença e Viana do Castelo. En total, participarán 88 centros educativos nunha proposta que combina comunicación, educación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico.