Axober expande os seus tentáculos pola Laracha

Reunión de Axober e o Concello da Laracha

O presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), Diego Iglesias, a vogal Lucía Graña e a administrativa Kely Villar, acodiron onte ao concello da Laracha para manter unha reunión co alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e a axente municipal de desenvolvemento local, Ana Carmen Jiménez. Unha reunión co obxectivo de afondar en novas fórmulas de colaboración entre ambas entidades e de dar continuidade e reforzar a cooperación institucional en ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento económico do municipio.

Durante o encontro analizáronse posibles liñas de traballo conxunto, especialmente vinculadas ao Programa Integrado de Emprego e á bolsa de emprego do Concello como ferramentas chave para facilitar a inserción laboral e dar resposta ás necesidades reais do tecido empresarial local.

Outro dos asuntos abordados foi a posibilidade de organizar ao longo deste ano un gran evento empresarial na Laracha que implique a distintos sectores económicos coa finalidade de fomentar o networking, a visibilidade das empresas e a dinamización da actividade económica no municipio.

No ámbito da formación púxose en valor a colaboración que Axober está a manter cos novos cursos de Formación Profesional implantados na Laracha, sempre en coordinación co IES Agra de Leborís e a Xunta de Galicia. A través desta iniciativa, alumnado dos ciclos formativos está a realizar visitas a empresas para coñecer de primeira man o seu funcionamento e a realidade do mundo laboral, unha experiencia que se pretende seguir desenvolvendo en pequenas e medianas empresas situadas no termo municipal da Laracha.

 

 

O POS+ Adicional, para gasto corrente

Así mesmo, onte tivo lugar un Pleno extraordinario para abordar, como único punto da Orde do Día, a proposta do Goberno local relativa á participación do Concello no POS+ Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios e o destino dos fondos, que foi aprobada por unanimidade dos tres grupos municipais.
O Concello percibirá un total de 118.354,15 euros a través dese programa da Deputación da Coruña cos que financiará gasto corrente e investimentos.

O apartado máis amplo é o do gasto corrente, que ascende a 96.372,54 euros. Isto permitirá ampliar a dotación do fondo de emerxencia social, cubrir parte da achega municipal ao servizo de axuda no fogar e financiar programas de carácter social como A memoria da Laracha dirixido á prevención da soidade non desexada, Educa en positivo que é complementario de educación e apoio familiar e A Laracha acolle de alfabetización para persoas inmigrantes, así como a elaboración de estudos sobre o benestar emocional e a saúde mental da infancia e a adolescencia do municipio e de diagnose sobre a soidade non desexada, incluíndo a programación de actividades para abordar dita problemática.

No apartado de investimentos, a cantidade de 21.981,61 euros destinaranse á adquisición de equipamentos informáticos e mobiliario que faciliten e melloren a xestión do persoal municipal adscrito ao departamento de Servizos Sociais.