Os centros de ensino da Laracha recuperan este xoves a cita coa Limpeza da praia de Caión

Grupo escolar de Fisterra na Limpeza de Praias

O pasado mes de outubro tivo lugar a Limpeza Simultánea de Praias. Daquela recolleron case 1 tonelada de lixo máis dun milleiro de persoas pertencentes a 30 entidades en todo o país, entre as que estiveron varios centros de ensino de Muros (EEI de Muros, CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío), así como o Concello e os centros de ensino de Fisterra.

Cativada da Escoliña de Muros na Limpeza das Praias de ADEGA

Tiñan previsto participar os CEIP de Caión, CEIP Alfredo Brañas (Paiosaco) e Otero Pedrayo (A Laracha), pero as previsións meteorolóxicas daquela fin de semana propiciaron o seu adiamento.

Será esta semana cando os centros laracheses retomen a actividade de concienciación directa á nosa rapazada da necesidade de coidar o noso medio ambiente. “Non hai mellor maneira de facelo que atallando o problema dende o máis próximo, o que ven cada día”, explican dende o centro.

A cita será este xoves 10 de novembro, a partir das 11:00h na praia de Caión. Coa colaboración do Concello e de ADEGA, asistirán as crianzas de 5º e 6º do CEIP Alfredo Brañas, e os de 6º curso do CEIP Ramón Otero Pedrayo, asi como o CEIP de Caión ao completo.

O centro anima a toda a sociedade a colaborar, e poden apuntarse no 881880694 ou en ceip.caion@edu.xunta.es.