Extinguido un incendio forestal que arrasou 33 hectáreas en Caión

Imaxe de arquivo dun helicóptero antiincendios

Despois de estar activo toda a pasada tarde (activouse a alerta ás 16:00h) e noite, o 081 anunciaba esta mañá que quedou estabilizado o incendio forestal no concello coruñés da Laracha, parroquia de Caión.

O lume, que se activou arredor das 16:00h da tarde de onte xoves, deuse por rematado ás 00.49 horas de hoxe e afectou finalmente unha superficie de 33,49 hectáreas, das cales 19,49 corresponden a monte arborado e as 14 restantes a raso

Para a súa extinción mobilizáronse, en conxunto, 5 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.