Denuncian a inseguridade que provocan as obras na contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo.
O Grupo Socialista da Laracha, a través da súa voceira Inés Ramos, denunciou o estado "lamentable e perigoso" no que se atopa a contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo. A situación acadou este venres 30 de xaneiro, un punto crítico coincidindo coas precipitacións, que converteron as zonas en obras lindeiras ao colexio nun auténtico lodazal.
Inés Ramos sinalou que o que se vive hoxe non é un feito illado, senón unha situación recorrente "sempre que chove". A execución das obras ao carón do centro educativo, sumada á falta de medidas de drenaxe e organización, está a provocar graves problemas de mobilidade e seguridade.
Un "lodazal" para os peóns e atascos para o tráfico As imaxes captadas hoxe na zona amosan un terreo completamente enlamado que dificulta o paso das familias e dos escolares. "É intolerable que nenos e nenas teñan que sortear pozas de lama e auga para acceder ao seu centro de ensino", afirma a voceira socialista.
A esta situación súmase o caos circulatorio. Durante a xornada do venres rexistráronse importantes atascos e cortes de tráfico que colapsaron os accesos. A falta de sinalización adecuada e de alternativas viarias está a xerar situacións de tensión e perigo nunha zona de alta densidade peonil, especialmente en horario escolar.
Esixencia de responsabilidades Desde o PSdeG-PSOE da Laracha instan ao Goberno local a que actúe de inmediato. "As obras son necesarias, pero a súa execución non pode realizarse de costas á realidade do centro educativo nin poñendo en risco a seguridade viaria", apunta Ramos.