O Campo de Voluntariado Internacional acondiciona o Castro de Montes Claros e o Menhir de Erboedo
O Concello da Laracha é un dos mellor aproveita todos os recursos que ofrece a Xunta en diversas materias. Unha é o voluntariado, que cada ano achega ducias de persoas voluntarias a traballar no marabilloso proxecto do Castro de Montes Claros.
Desta volta, son catorce mozos de cinco países (varios da península pero tamén de dous de Italia e un de Colombia, Francia e Xapón) os que participan ata o 14 de agosto no programa de conservación e posta en valor do patrimonio tanto do castro de Vilaño como do Menhir de Erboedo, dous dos tesouros arqueolóxicos do concello bergantiñán. No espazo do menhir están realizando labores centradas especialmente na deseucaliptización.
Ademais, continúase cos traballos no Castro de Montes Claros similares aos realizados en edicións anteriores e consistentes na limpeza manual dos afloramentos rochosos. Para unha correcta realización deses labores, os voluntarios están dirixidos por un equipo de monitoras especializadas e con supervisión arqueolóxica. De feito, antes de comezar a actuar recibiron formación específica sobre a os dous puntos de intervención.
O aloxamento dos voluntarios é no albergue habilitado polo Concello no Centro Sociocultural de Santa Margarida (o antigo hospital dos peregrinos de Montemaior), desde onde se desprazan cada día aos lugares de intervención.
Polas mañás realízase o traballo específico nos puntos de actuación e, polas tardes, o programa complétase cun amplo calendario de actividades educativas, culturais e de lecer que inclúe visitas a diferentes puntos da Costa da Morte e outros lugares de Galicia, práctica de deportes acuáticos, sendeirismo e actividades que os acheguen á música tradicional galega entre outras experiencias orientadas a favorecer o coñecemento da contorna, da cultura e da historia do municipio.


