Esixen transparencia sobre o proxecto da central hidroeléctrica reversíbel de Montemaior
Xa o pediu esta semana o PSOE da Laracha. Onte foi o BNG o que esixía ao Goberno “transparencia total” após coñecer que o proxecto de central hidroeléctrica reversíbel de Montemaior se instalará na Laracha. Un de almacenaxe enerxético semellante ao polémico proxecto coñecido como a estación de bombeo da Ruña.
Foi a senadora do BNG, Carme da Silva, a que lanzou unha pregunta ao Secretario de Estado de Enerxía pedindo que dese a coñecer toda a información do subvencionado con 40 millóns de euros polo IDAE, unha vez que as balsas artificiais constitúen un proxecto “tecnicamente moi complexo con enorme impacto ambiental, social e patrimonial”
“Cando fixemos esta pregunta non sabíamos, igual que a sociedade galega, onde ía estar esta central hidroeléctrica reversíbel de Montemaior porque, a pesar de que Montemaior non é un topónimo habitual na Galiza, existen moitos no País” afirma Carme da Silva durante a pregunta, mostrando así a opacidade do proxecto durante estes meses.
O Goberno confirma que este proxecto se asentaría na Laracha e consistiría nun bombeo fora do dominio público hidráulico con balsas artificiais. Ante esta nova información, a senadora nacionalista demanda toda a información posíbel e sinala que esta actuación por parte do Goberno do Estado é “máis unha mostra de como está pondo o noso País sumido aos intereses das eléctricas”.