A solidaria IX Carreira do Apóstolo do Adro de Vilaño xa ten data confirmada

Imaxe da carreira do ano pasado

O 18 de xullo de 2026. A Asociación Cultural Adro de Vilaño anuncia oficialmente a nova edición dunha das citas deportivas e sociais máis relevantes do verán no rural larachés, consolidada como un evento aberto, saudable e solidario. A Carreira do Apóstolo, que conta co apoio municipal, é unha proba incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo desde hai máis dun mes.

Nos últimos anos, a Carreira do Apóstolo converteuse na cita deportiva máis multitudinaria do Concello da Laracha e unha das máis destacadas da comarca. Na edición de 2025, superáronse as 1.000 persoas inscritas, batendo un novo récord de participación e acollendo persoas de ata 18 nacionalidades, un claro reflexo do interese e do carácter inclusivo deste evento. 

Ademais do seu cariz deportivo, a Carreira destaca polo seu compromiso solidario, e volve combinar a carreira popular coa andaina saudable e solidaria, promovendo hábitos de vida activos, a participación interxeracional e a convivencia nun ambiente festivo e inclusivo.
Na edición pasada achegou 1.000 euros en doazóns a organizacións sociais, e desde que comezou esta iniciativa no 2016, superáronse os 5.000 euros destinados a causas solidarias que apoian á comunidade local.  

Desde a organización destacan que esta convocatoria supón “un paso máis na consolidación dun proxecto comunitario que aposta pola saúde, a solidariedade e o fortalecemento dos lazos sociais no ámbito rural”.

Nos próximos meses iranse dando a coñecer máis detalles do evento, que contará con actividades complementarias que acompañarán á tarde do 18 de xullo de 2026.