1200 persoas na edición máis multitudinaria e inclusiva da Carreira Adro de Vilaño

Este sábado 12 de xullo, Vilaño viviu unha xornada inesquecible coa celebración da VIII Carreira do Apóstolo, organizada pola Asociación Cultural Adro de Vilaño. Máis de 1200 persoas entre corredores, andaríns, acompañantes e curiosos déronse cita nun evento que combinou actividade física, inclusión e espírito comunitario.
A tarde comezou cunha intensa participación nas probas infantís con 250 menores, sendo 100 deles da categoría Pitufos (3 e 6 anos), os cales saíron en tres mangas para evitar incidentes. Continuou a Andaina Saudable e Solidaria a favor de Cáritas e AECC da Laracha, na que saíron preto das 500 persoas, ateigando as rúas de Vilaño cun ambiente animado e de celebración. O participante máis novo, Rafael Martínez de Arteixo e a vilañesa Élida García de 85 anos recordáronnos que non hai idade para o deporte e a vida activa. A carón das 19:00 saíron as categorías absoluta e xuvenil con uns 300 participantes e, como peche, unha animada masterclass de baile fitness (Salsation) fixo bailar a participantes e público por igual.
No plano máis competitivo, a carreira deixou grandes marcas. Na categoría absoluta masculina, o vencedor foi Mikel Ocerín, do Clube Acea de Ama Tri Arteixo, cun tempo de 24:06, seguido por Edgar Castelo (24:26) e Jaci Mello, do Clube Atletismo Boimorto (24:30).
Na categoría absoluta feminina, impúxose a vilañesa Lucía Bracco (30:01), seguida de Berta Pan, do Clube Atletismo Coruña Comarca (30:28), e Vanessa Hervada (31:10).
O colectivo máis numeroso foi o Clube Salvamento Laracha (SAL) e o centro escolar máis numero o CEIP Otero Pedrayo, sendo Umberto Bracco, pai da gañadora da proba feminina e conserxe do colexio, o que recolleu o galardón entre apertas do alumnado. O corredor de maior idade foi Antonio Hernández de 78 anos e a corredora Elvira Tresguerras, de 73. A máis rápida da Laracha foi Raquel López.
Un dos momentos máis emocionantes da xornada foi a participación de Empujando Sonrisas, Mi Princesa Rett e Marines ENKI, colectivos que traballan pola inclusión no atletismo popular e na sociedade. Os seus protagonistas Pedro, Daniela e Paula, participaron con ilusión acompañados dos seus equipos, enchendo de emoción, alegría e compromiso o percorrido.
Un ano máis, a organización contou con máis de 50 voluntarios para ofrecer os servizos
de gardería, consigna, fisioterapia, avituallamento, e pinchos, entre outros. 10 deste
voluntarios, identificados con panos morados, prestaron un servizo de atención á
diversidade para garantir a participación plena de todas as persoas nun espazo
inclusivo e accesible.
Desde a Asociación Cultural Adro de Vilaño, agradecemos profundamente o apoio e
implicación do voluntariado, participantes, clubs deportivos, colectivos pola
inclusión, patrocinadores e entidades colaboradoras. A VIII Carreira do Apóstolo foi,
unha vez máis, moito máis ca unha proba deportiva: foi unha festa da comunidade, da
diversidade e do deporte con valores.