En marcha unha nova área comercial na entrada da Laracha

Mapa da nova área comercial da Laracha

O borrador do Plan parcial AR-S1 “Gallega de Mallas” xa está a exposición pública. Trátase un Plan, enmarcado no PXOM, promovido pola empresa Inmobiliaria Gabenlle, que ten por finalidade crear un novo ámbito comercial.
Este Plan Parcial é a ferramenta urbanística que posibilitará o desenvolvemento comercial do ámbito e a súa incorporación á trama urbana da vila.

A parcela está situada na entrada ao casco urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552, e presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2, dos cales corresponde unha cesión do 10% ao Concello por parte do promotor.

Xunto a dita parcela o PXOM xa contempla a creación dunha rotonda no encontro entre a estrada autonómica AC-552 e a rúa Eusebio Bértoa Queijo, que serviría tamén de conexión ao desenvolvemento deste Plan Parcial, para o que se prevé que na marxe oeste se inclúa unha nova rúa, neste caso de sistema local, que conecte a AC-552 co viario situado ao norte do ámbito.
A área contará con 177 prazas de estacionamento público, das cales 44 serían reservadas para vehículos de persoas con mobilidade reducida.

A asunción íntegra dos custos de execución é por parte do promotor, que tamén deberá realizar as correspondentes conexións ás redes de servizos (electricidade, telecomunicacións, gas, abastecemento e saneamento).

Dende o Concello da Laracha consideran que “o desenvolvemento desta iniciativa preséntase como unha achega positiva á actividade comercial, xa que o sector será un motor comercial para a vila e abrirá novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal”.

Novas relacionadas