A Xunta Local da Laracha chega a varios acordos
Recibía onte a Laracha a visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificiación de Infraestruturas, Begoña Freire, que xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López, supervisaron a actuación realizada pola Xunta de Galicia na AC-523, entre os puntos quilómetros (5+780 a 6+430), na súa marxe esquerda, ao seu paso por Vilar da Fraga.
A obra serve para mellorar a accesibilidade viaria as instalacións do Club de Tiro e aos núcleos de Cerqueiras, Mantiñán e Vilar de Fraga. A actuación supuxo un investimento de menos de 50.000 euros e consistiu na limpeza e acondicionamento da explanada e apertura de cunetas para a posterior aplicación de formigón de 5 cm de grosor, incluíndo rego de adhesión.
Na visita a delegada destacou que tras rematar a intervención levarase a cabo a cesión deste tramo desta estrada autonómica ao Concello.
Acordos da Xunta de Goberno Local
Paralelamente a Xunta de Goberno Local adxudicou a Ascensores Enor S.L. o contrato de mantemento dos dez elevadores existentes en todos os edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Edificio Administrativo da Laracha, Casa da Cultura, Centro Sociocultural de Paiosaco, Centro Sociocomunitario de Caión, Edificio de Servizos Múltiples, biblioteca municipal da Laracha, oficina de información turística de Caión, Museo dos Muíños de Golmar e CEIP Otero Pedrayo.
A duración do contrato é de un ano prorrogable por outro ano máis, e o prezo do servizo ascenderá a un total de 12.342 euros. O único criterio para a adxudicación foi a proposta económica e presentáranse sete ofertas neste procedemento convocado polo Concello mediante licitación aberta.
amén se confirmou a inclusión do proxecto de mellora da estrada entre O Lorteiro e Goexe, na parroquia de Montemaior, no Plan Camiña Rural 2025-2026 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. A actuación afecta a unha lonxitude aproximada de 1.650 metros nos que se vai ampliar a plataforma da calzada, renovar a superficie de rodadura dos vehículos e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria. Investiranse 135.000 euros.
Ademais, na Xunta de Goberno Local foron concedidas licencias para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar do Vilar da parroquia de Coiro e tamén para a edificación dun almacén para a explotación de carne de vacún na parroquia de Lestón.