Xa están en marcha as obras do novo Edificio Interxeracional da Laracha
Xa están en marcha as obras de rehabilitación integral do edificio de Servizos Múltiples para transformalo nunha nova instalación moderna, multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades que será denominada Edificio Interxeracional.
O proxecto contempla a completa remodelación do inmoble situado na Avenida Doutor López Astray da capital municipal e que consta de cinco andares (planta soto, baixa e tres alturas). Os espazos van ser redistribuídos para optimizalos, incrementando as superficies e favorecendo a accesibilidade de persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.
Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.
Entre os futuros equipamentos da nova infraestrutura municipal destaca a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía oportunidades formativas e de ocio, así como espazos dirixidos a acoller actividades xuvenís de diversa índole.
Durante o desenvolvemento das obras foi necesario trasladar o servizo de atención temperá a outra instalación próxima na mesma Avenida López Astray. Ademais, como medidas de seguridade ante o inicio dos traballos de desescombro e a próxima instalación da andamiaxe, desde hoxe quedan inutilizadas temporalmente as prazas de aparcamento de vehículos marcadas xunto ao edificio, estando previsto trasladar a un lugar próximo a praza de estacionamento para vehículos de persoas con mobilidade reducida, que será debidamente sinalizada. Mentres se executen as obras tamén queda inutilizada a fonte e limitado o acceso ao lavadoiro existente no baixo do inmoble. O Concello lamenta as molestias que estas circunstancias poidan causar á cidadanía, ao mesmo tempo que lembra a necesidade de tomar ditas medidas para realizar as obras con garantía de seguridade para todos.
A execución do proxecto, a cargo de Ogmios Proyecto S.L., suporá un investimento superior aos 981.000 euros que financiará o Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation.