venres. 06.06.2025
El tiempo

Á licitación a transformación do Edificio de Servizos Múltiples da Laracha nun centro social interxeracional

2025.01.31.- Edificio de Servizos Múltiples da laracha
Edificio de Servizos Múltiples da Laracha
Á licitación a transformación do Edificio de Servizos Múltiples da Laracha nun centro social interxeracional

Un dos meirandes proxectos que afronta o Concello da Laracha xa está en marcha. De feito, onte vén de sacar a licitación a execución do proxecto dirixido a reformar integralmente o edificio de Servizos Múltiples para transformalo nunha instalación moderna que sexa multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades e que será denominada Edificio Interxeracional, xa que se fará mediante unha intervención arquitectónica e social enfocada a crear espazos nos que poidan convivir cidadáns de xeracións distintas (nenos, mozos, adultos e persoas maiores) para fomentar a interacción, o apoio mutuo e o sentido de comunidade.

O inmoble, situado na céntrica Avenida López Astray da capital municipal, consta de soto, planta baixa e tres plantas. O proxecto prevé unha redistribución dos espazos para optimizalos, incrementar as superficies e favorecer a accesibilidade para persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.

As principais novidades serán a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía novas oportunidades formativas e de ocio e espazos dirixidos especificamente a acoller actividades xuvenís de diversa índole.

Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.

O orzamento máximo de licitación é de 1.090.098,05 euros. A intervención será financiada polo Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation. As empresas interesadas en concorrer ao
procedemento de contratación teñen de prazo ata o día 23 de xuño para presentar ofertas.

Comentarios